San Sadurniño, pioneira na concesión de axudas a árbores frutais autóctonas
SAN SADURNIÑO

Serán consideradas subvencionables as variedades de maciñeiras Ollo Negro, Príncipe, Roxelia, Da Sega e Reineta de San Bieito, así como as ameixeiras Collón de Frade e Arillo
03 ago 2025 . Actualizado a las 11:59 h.Por segundo ano consecutivo, o Concello de San Sadurniño saca unhas subvencións únicas en Galicia para a plantación de árbores frutais autóctonas. En concreto, serán considerados gastos subvencionables as plantas mercadas para novas plantacións de maciñeiras nas súas variedades de Ollo Negro, Príncipe, Roxelia, Da Sega e Reineta de San Bieito. E tamén son subvencionables as plantas de ameixeiras nas variedades de Collón de Frade e de Arillo.
O anuncio xa foi publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o pasado 17 de xullo. Inicialmente, cada persoa beneficiaria deberá elexir só unha das variedades que se subvencionan na presente convocatoria. Poderá elexir, nunha mesma solicitude, axudas para máis variedades só no caso de que dispoña dunha extensión mínima de plantación de 2.000 metros cadrados por cada unha. Non serán subvencionables os gastos financieiros, notariais, crediticios ou periciais. E será de aplicación en todo o Concello de San Sadurniño.
As persoas beneficiarias
En canto ás persoas beneficiarias, deben cumprir estes requisitos: ser maiores de idade, estar ao corrente dos seus deberes tributarios, non ser debedora por reintegro de subvención municipal, non ser suscriptora de convenio con contido económico co Concello, non estar incursa en prohibición ou inhabilitación para percibir axudas públicas, e poseer no momento da solicitude a titularidade catastral da finca ou fincas referenciadas (ou o dereito de uso por un tempo mínimo de dez anos).
O marco de plantación mínima para as maciñeiras será de catro por cinco, o das ameixeiras de catro por catro. A extensión mínima de plantación para unha soa variedade será de 1.000 metros cadrados, a extensión máxima de 4.000 metros cadrados. A extensión máxima de plantación para dúas ou máis variedades será de 6.000 metros cadrados.
O importe subvencionable será de ata dez euros por planta, e cun límite máximo de 2.000 euros por solicitude.
A presente subvención será compatible con calquera outra, de natureza pública ou persoal, co límite do 100 % do gasto, segundo o documento asinado polo alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal.
O Concello de San Sadurniño xa é famoso por citas como a súa famosa Feira da Plantación que celebra na Cortiña.