As actividades inclúen o concurso da Froita Autócotna e pintura en vivo
29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.San Sadurniño celebra mañá, sábado, a décimo sexta edición da súa Feira Rural, un encontro que combina tradición con sostibilidade ecolóxica. De 10.30 a 13.30 celebrarase o concurso da Froita Autóctona, unha actividade que se mantén desde a primeira edición da feira, que desta vez incluirá o agasallo dunha froiteira do país tan só por participar e cuxos premios principais serán tres cestos de produto de proximidade valorados en 100 euros cada un. Por outra banda, con motivo do Ano Castelao, poderase ver aos artistas Leandro Lamas, Blanca Escrigas, Ana Moreiras e Manolo Carballeira pintar en directo nos arredores da feira. Xunto ás obras que elaborarán estes pintores, sortearanse dous deseños de Xaquín Marín e Juanlu Sancha. O sorteo farase en dúas quendas, unha ás 14.15 e outra ás 19.45. Desde o Concello convidan a todo o mundo «a pasar o sábado a San Sadurniño e desfrutar do produto comarcal».
O aspecto gastronómico: obradoiros e onde xantar na Feira Rural
Coma cada ano, a Feira Rural estará chea de actividades vinculadas á gastronomía. Unha delas é a degustación de froita do país e produtos da Fusquenlla, programada de 12.00 a 14.00 e enmarcada no convenio coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume (AGFA); esta iniciativa, como explica Manuel Varela, concelleiro de Desenvolvemento local e Xestión interna, «aposta por dar visibilidade aos pequenos produtores, facilitando un espazo gratuíto».
Para os máis cativos haberá dispoñibles dous obradoiros de cociña co chef Xosé Troncoso, un ás 12.45 e outro pola tarde ás 17.30. Como opcións para xantar haberá dispoñible un posto de comida na propia feira, ademais dos locais hostaleiros da zona.