Un xeado de mazá de Naraío exclusivo para a Feira Rural de San Sadurniño

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

CEDIDA

Bico de Xeado elaborou o novo produto con pomas da variedade santiaguesa

30 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira Rural de San Sadurniño encherá A Cortiña este sábado, e quen se achegue ao recinto terá ocasión de probar un xeado exclusivo, elaborado pola recoñecida marca Bico de Xeado para este encontro. Saberá a mazá da variedade santiaguesa cultivada na parroquia de Naraío.

Na súa preparación emprégase, aparte desta froita, o leite das vacas que se crían na granxa Esperanza, situada en Santa Mariña do Monte, polo que será un produto cen por cen co selo de San Sadurniño.

O Concello explica que a marca de xeados da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña leva varios meses traballando en colaboración coa área de Desenvolvemento Local municipal para poder ofrecer «unha auténtica exquisitez», cun 40 % de froita.

«É unha mazá de mesa que se atopa en moitas hortas nun estado óptimo a partir de finais ou mediados de xullo, moi saborosa para comer e moi boa para marmeladas», destaca o concelleiro Manolo Varela.