San Sadurniño reparte produto local e galego no «cartucho» do persoal municipal
SAN SADURNIÑO
O Concello repartiu 33 lotes, con queixo, embutidos, conservas ou galletas
26 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de San Sadurniño apostou polo produto local e galego para encher os cartuchos que distribuíu entre o persoal municipal este Nadal, cun custe total de dous mil euros. Cada un dos 33 lotes repartidos contén un queixo madurado afumado da marca Brigantia; unha caixa da Maruxas de Nata, galletas feitas en Santa Mariña do Monte; e delicias de pemento e tomate de Ay! Carmen, elaboradas no concello de Valdoviño.
Tamén leva unha botella de zume de mazá de Ay! Carmen, elaborado no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, de Moeche. Ademais dun frasco de mel multifloral Abella Mestra, «unha iniciativa de base local, con colmeas en Lamas, Moeche e na zona de Muras», como indican fontes municipais.
Contén, a maiores, un tarro de paté de polbo, galletas mariñeiras Daveiga e chourizo e salchichóns procedentes das montañas ourensás e luguesas. «O obxectivo é dar cabida a iniciativas e empresas agroalimentarias galegas, e dar difusión ao traballo do sector, que une calidade, tradición e innovación», destaca o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela.