plan de xestión dos RSU de 1997 desbotou a compostaxe, apenas instalou contedores para recollida selectiva e do seu orzamento adicou o 1,1 % a reducir a xeración de residuos e o 92,3 % á incineradora de Sogama. Segundo datos oficiais, entre 1998 e 2009 a produción de lixo aumentou un 49 % e, agás para o vidro, os obxectivos de reciclaxe fracasaron estrepitosamente. Consecuencias: colapso da incineradora de Cerceda, construción e ampliacións do veciño vertedoiro en Areosa (xa é como 44 campos de fútbol). A Sociedade Galega de Historia Natural dixo en 1997 que o «modelo Sogama», baseado na incineración é un erro. Os feitos confirmárono. No plan de xestión dos RSU 2010-20 os programas de redución, reutilización, recollida selectiva e reciclaxe (os recomendados pola UE) quedan postergados e apóstase de novo pola incineración, adicándolle o 59,9% do orzamento para infraestruturas. O plan fala dos principios de «quen contamina paga» (responsabilidade do produtor) e «proximidade e suficiencia» (xestión dos residuos preto das zonas de xeración) pero quere construír a incineradora en O Irixo, a 80-95 quilómetros por estrada e 140-181 quilómetros por ferrocarril da área metropolitana Vigo-Pontevedra, onde se xenera a meirande parte do lixo de Galicia sur. Sociedade Galega de Historia Natural afirma hoxe que non hai razóns técnicas, económicas, enerxéticas, loxísticas nin ambientais para unha incineradora en O Irixo. O «mundo rico» exporta os seus residuos aos países pobres. A Xunta quere exportar o lixo da Galicia rica (que non sabe xestionar) á Galicia pobre, despoboada e avellentada. ¿Cal é a alternativa acertada? Reducir, recoller selectivamente, reciclar e reutilizar o lixo onde se produce.