O responsable comarcal explica que ese clima interno pouco idóneo, que el mesmo recoñece, non se traslada automaticamente ás relacións persoais.
-Ás veces semella que estas diferenzas políticas chegan realmente a cuestións persoais.
-Como en calquera organización hai de todo. Persoalmente hai xente coa que iría a calquera parte, e outra coa que non.
-¿Que tal con Ramón Mouriño?
-Lévome ben con el. É unha persoa moi cordial, moi próxima. Podes ter grandes discusións e debates, pero é imposible levarse mal con el.
-¿E con Paco Trigo, membro tamén sobranceiro de EI?
-É unha persoa moito máis temperamental, ten outra maneira de ser. Politicamente, unha grande capacidade de análise... Pero isto é absolutamente normal. Militamos nunha organización política, non nunha asociación de amigos. Nas organizacións conviven personalidades distintas e puntos de vista diferentes. Trátase de facelos confluír nun mesmo interese, pero iso non ten que levar necesariamente a que celebremos as festas todos xuntos.
-¿Pero está preocupado pola virtual escisión? ¿Como pode afectar ao BNG no Salnés?
-Encontro Irmandiño, dentro do BNG, está conformado coma un colectivo, como INZAR, o PNG ou Esquerda Nacionalista. Pero a militancia é individual. Podemos dicir que os irmandiños teñen persoas destacadas nesta comarca, como é público, pero realmente non coñeces a súa base militante.
-¿Falta en xeral militancia no BNG? Esa é unha das críticas.
-A base simpatizante é moitas veces superior. O BNG non existiría sen ela e ten capacidade de expresar a súa opinión e de intervir, mesmo na elaboración das candidaturas. Iso de que uns pretendan abrir e outros pechar non deixa de ser un sambenito interesado.