O eco. Cando eu era neno faláballe no campo de Batallóns, onde a porta de San Fernando, e o eco repetía as miñas voces por riba do secadeiro de peles que traían do matadeiro. Tamén os nenos de Ferrol Vello e Canido dialogaban con el no túnel da Malata, pero hoxe, aínda que o chamemos a berros, o eco non responde, como se marchase con aquel Ferrol que xa non hai. O Ferrol do ambiente de cidade industrial, cos pitos do Arsenal e do Estaleiro, e a serea da Fenya ás horas de entrada e saída dos traballadores e aprendices; cos lefres de caldereta comendo nos portais de Esteiro e nos xardíns dos Cantóns; con Astano, Pysbe, Peninsular Maderera, Fábrica de Lápices, Compañía de Tranvías e Manufacturas Piñón dando traballo a gran parte dos ferroláns. O Ferrol do ambiente de cidade militar e marítima, cos quintos enchendo as rúas, e buques da Mariña, barcos pesqueiros e lanchas de pasaxe sulcando a ría.
Xa non están en Ferrol os petroleiros que Onasis deixara apodrecer nos últimos anos cincuenta no peirao. Pouco despois, en setembro de 1960, Lorenzo López Sancho publicaba en ABC un artigo titulado Donde los barcos de Onassis duermen, el Ferrol despierta a nuevas empresas del mar, que anunciaba a celebración dunha próxima feira da industria naval en Punta Arnela, xustificadísima porque La venta de barcos en un país que los produce tan perfectos y a tan bajo costo comparativo con otros países, como el nuestro, es fundamental (?). A feira celebrouse no 1961, coincidindo cos 25 anos do goberno de Franco.
Nas oficinas xa non se usan máquinas de calcular eléctricas, pero con manivela, as máis delas de marcas estranxeiras, como as dúas que usaban o enxeñeiro Augusto Antón, e os deliñantes Constante Prieto, Isidoro García del Cerro e Paco Patero para facer os presupostos dos barcos na Oficina Técnica de Maquinaria. Nin aquelas marabillosas reglas de cálculo, que permitían facer as máis ensarilladas operacións matemáticas con incrible exactitude. Ademais de precisas eran tan bonitas, que eu gardo a miña, unha Aristos pequena, como obxecto artístico.
Nas casas xa non hai cables da luz eléctrica colgando polo teito, nin aisladores de porcelana, nin lámpadas de baioneta, nin interruptores con forma de pera na cabeceira das camas. Xa non se rouba a luz con instalacións piratas que non pasan os cables polos contadores.
Non hai táboas de madeira para lavar a roupa, nin ovos, tamén de madeira, para zurcir calcetíns; nin botellas de coñac Fundador con discos de regalo, nin gaseosas de boliche. Non hai televisores en blanco y negro, nin aquela pantalla ridícula, de plástico transparente, que se lles poñía para ver as emisións en cor, e o que viamos eran as caras en franxas verdes, malvas, azúes?
Os nenos xa non fan os primeiros números e letras con pizarras e pizarrillos, nin memorizan cantando as táboas de sumar, restar, multiplicar e dividir. Os rapaces non aprenden a lista dos reis godos, nin os montes, cabos, golfos e ríos de España e do mundo; nin fan a proba do 9, nin operan con logaritmos. O gran Périch lamentaba que non lle desen clases de educación sexual na vez de aprenderlle logaritmos, porque os logaritmos usounos tan pouco? Únome ao seu lamento en nome propio e, estou certo, que tamén no de moitos lectores.
sirolopezlorenzo@yahoo.es