«Manterei a unidade de acción co BNG no Concello de Bueu»

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO BUEU / LA VOZ

FIRMAS

A concelleira é unha das líderes de Encontro Irmandiño no Morrazo

18 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A única concelleira de Encontro Irmandiño no Morrazo mantén a súa delegación no goberno de Bueu, aínda que xa non pertence ao Bloque tras darse de baixa. No pleno do pasado luns sentouse xa como edila non adscrita.

-¿Cal é a súa posición actual como concelleira?

-Despois da rotura co BNG, desde Encontro Irmandiño manifestamos a nosa disposición a seguir dentro dos grupos nacionalistas na defensa do programa electoral ao que nos presentamos nas eleccións municipais. A nosa intención e seguir mantendo a unidade de acción e que a separación sexa a máis amistosa posible. Sabemos que as actas dos concelleiros pertencen legalemente ás persoas electas; pero tamén política e éticamente pois quero recordar que moitos de nós levamos anos defendendo os principios e programas políticos cos que nos presentamos ás eleccións. Os veciños nos refrendaron cos seus votos a uns e outros. A partir de agora paso a ser unha concelleira non adscrita, pero como militante de Encontro Irmandiño quero reiterar o meu compromiso co pobo de Bueu e prometo seguir defendendo o programa electoral ata o final do mandato.

-¿Seguirá no grupo de goberno?

-Quero aproveitar para amosar todo o meu apoio a Félix Juncal, xa que co meu voto tamén participei para que fose elexido como alcalde de Bueu. E á marxe das decisións que poida tomar sobre as delegacións que ostento ou como concelleira seguirei loitando polos intereses de Bueu e de Galicia.

-¿Ser edila non adscrita modificará a súa actitude no Concello de Bueu?

-Eu sigo traballando con normalidade, con total normalidade. A min gústame o que estou facendo ainda que cada vez hai máis dificultade, porque hai menos cartos coa crise.

-¿Dende cando milita no nacionalismo?

-Dende que teño conciencia. Aos 17 anos entrei nunha organización feminista, Mulleres Nacionalistas Galegas. No BNG entrei hai cinco anos aínda que levaba moitos anos colaborando como simpatizante.

-¿Por que o nacionalismo?

-Porque amo a Galicia como o meu país e creo na autodeterminación dos pobos e das persoas.

-¿Que aportou vostede ao BNG e que recibiu del?

-É unha pregunta difícil. Eu aportei a miña experiencia no traballo social, e sobre todo con mulleres e o BNG aportoume a experiencia a nivel político.

-¿Por que rompeu co Bloque?

-Marchámonos por diferencias de actuación, porque as teses que se aprobaron na asamblea nacional eran excluíntes.

-¿Cal é a situación de Encontro Irmandiño no Morrazo?

-Somos un grupo de xente que traballamos con moita ilusión para formar un proxecto máis democrático. O noso obxectivo é encetar un novo proxecto común onde poidamos traballar todos en pé de igualdade e de abaixo para arriba. Xa empezamos coa creación dos grupos de base e da Asamblea Nacionalista do Morrazo, onde pode participar toda a xente que queira. Non hai compartimentos estancos. É unha nova forma de facer política e de abaixo para arriba.

-Esta insistencia sobre facer política de abaixo arriba, ¿había déficit democrático no Bloque?

-Non vou falar mal do BNG. O que si podo dicir é que no novo proxecto buscamos cambiar a forma de facer política. É unha asamblea na que os homes e mulleres que participamos estamos todos ao mesmo nivel. Non hai ningún cargo.

LAURA OGANDo EXMILITANTE Do Bloque E edila NON ADSCRITA NO GOBERNO buenense

«O obxectivo do novo proxecto é que poidamos traballar todos en pe de igualdade»

«Amoso todo o meu apoio a Félix Juncal, a quen votei para que fose o alcalde»