A Xunta incrementa a súa axuda e mantén a aposta polo certame

La Voz

FIRMAS

02 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunha situación xeralizada de recortes no sector da cultura en Galicia, a Xunta mantén a aposta polo OUFF e aporta 38.000 euros á convocatoria do festival do presente ano. A achega supón un pequeno incremento con respecto ao pasado ano, edición na que se contou cunha aportación da administración autonómica de 36.000 euros.

O pasado domingo, día 29, Cultura e Educación facía público un comunicado sobre o apoio ao «uso do galego entre os máis novos a través do Festival de Cine de Ourense», compromiso que se materializa no respaldo á convocatoria do OUFF Escola, xa presentado. Dende a administración autonómica saliéntase que se trata «dunha das liñas de apoio a este festival, que contará este ano cunha achega económica de polo menos 38.000 euros, dos que 3.000 corresponden ao achegado ao OUFF Escola. Os restantes 35.000 euros corresponden á achega feita a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), sen prexuizo de poder incluso incrementala segundo a disponibilidade orzamentaria».

Fontes da Consellería de Cultura e Educación rexeitan a posibilidade de que a Xunta de Galicia asuma un incremento sustancial na súa achega para compensar a aportación que retirou a Deputación Provincial de Ourense: «Non estamos en condicións de poder valorar esa posibilidade. O compromiso co Festival de Cine Internacional de Ourense é firme mais non hai disponibilidade para asumir esa nova situación». Con independencia de cal sexa a fórmula pola que se opte nesta edición, dende Cultura mantense que: «O de Ourense é un festival con futuro e necesario para o sector en Galicia».