-Entón ti que cres que faría?
-O que, oh?
Nikolai estaba mergullado nos mapas, revisando a ruta a seguir. Non hai moitas guías na estepa siberiana. A vía do tren, algunha formación rochosa... Por sorte a topografía estaba ao noso servizo.
-O que che dixen... da nai cos fillos na zorra. A cal cres que escollería?
-Para que, oh?
-Para tiralo, alixeirar peso para librarse dos lobos que os perseguen. Nikolai, escoitaches algo do que che dixen? -desviou a mirada, cansa e pesada, e sentou na cadeira que tiña ao carón?. Sacou un Belomorkanal e prendeuno. Mordeu o cartón, probablemente pensando en seu pai. Pechou os ollos.
-A ver... que fillo debería tirar? Pois loxicamente o máis pequeno, é o que ten menos probabilidades de sobrevivir, seguramente morrería conxelado na estepa de todas formas -e deulle outra calada ao cigarro coma conclusión.
-Ao contrario! ?repliquei. Debería tirar o máis vello xa que é ao que menos tempo lle queda de vida, o máis novo inda non tivo tempo de vivir e arrincalo así, sen máis oportunidade, da vida, sería cruel -sorrín satisfeito da miña conclusión que levaba matinando días e collinlle un cigarro. Tusín fortemente tras a primeira calada. El quedou pensativo un anaco antes de responder coa voz profunda de bebedor-fumador que tiña.
-Non sei... e, probablemente, botaríao a sortes.
-Como vas botar a sortes que fillo vai morrer? Resulta moi frío.
-A estepa é fría -di mentres bota fume polo nariz, esaxerado polo efecto do baixo cero.
-Vaia... -quedo calado, reflexionando sobre sabe Deus que. Cando volvo en min, Nikolai esmaga o cigarro contra o cinceiro. O meu atópase apagado entre os meus dedos, medio consumido e despedindo un forte cheiro.
-Saca eses paxaros da cabeza, Mikhail, temos que traballar -e puxo o mapa enriba da mesa. Para chegar ata o pozo temos que...
Mikhail parou a motoneve e ergueu os binoculares.
-Que foi, oh?
-Lobos, saca a carabina.
Tiramos uns disparos que erraron, aínda que xuraría que vin coxear un dos lobos mentres fuxían. Achegámonos, atravesando o granate que se estendía pola neve, coma quen pisa unha bandeira.
-Hostia...-?escoito un berro afogado?. Non pode ser.
-Mikhail, trae unha manta, rápido! -separei os brazos ríxidos do corpo máis grande e recollín unha pequena chispa, apertándoa forte contra o meu peito para que non se apagase.
-Lévaa á cabana, e en canto poidas dálle un pano mollado en vodka e que o chuche un anaco.
Mikhail asentiu e levou a supervivente na protección da la.
Sentei nunha rocha, preto dos cinco vultos vermellos. Prendín un cigarro. Todos tiñan os ollos pechados e as tripas esparexidas pola neve. Lembrei a guerra. O rapaz maior estaba aberto en canal e tiña a perna medio roída. Un refoleo de vento meteume o fume nun ollo, conxelando unha bágoa na comisura dos meus beizos caídos.
Lois Denís Agrelo Arxóns
Estuda Filoloxía Inglesa. Colabora con Casa da Gramática, Alameda e NEIN. theganjapapers.blogspot.com
Twitter: @jodidoavogado