Os retos futuros de Clesa

Fernando Pérez

FIRMAS

21 oct 2012 . Actualizado a las 06:50 h.

Todos estamos ledos, coa unión de todos e co traballo honesto conseguimos salvar do peche a planta de Clesa en Caldas. Foi duro, pero fomos quen de aparcar os intereses particulares e políticos minifundistas, para traballar xuntos. Así era moi difícil fallar. Lembro as dúas viaxes a Madrid en coche, indo e voltando os catro no día, para facerlle entender aos administradores concursais e ao xuíz o que era esta planta para os caldenses e para os galegos, entrabamos afundidos e saíamos con algunha esperanza (gracias a Lola). Pero todo isto xa pasou, temos conversas, reunións e documentación para escribir un libro, e moitas cousas que nunca saíron á luz. Pero agora xa está feito e non podemos vivir das lembranzas nin durmirnos nos loureiros, agora queda outro capítulo todavía máis importante, temos que poñer esta planta a tope de produción, temos que lograr que sexa un referente en España. Os galegos, e en especial os caldenses, sabemos sacrificarnos e traballar duro e ben, por elo o podemos acadar, temos todos os ingredientes para conseguilo, temos un capital implicado e que apostou polo proxecto inequivocamente e sen rendirse, unha Administración volcada con este proxecto, temos en Galicia a mellor materia prima do mundo, tamén a tecnoloxía, a experiencia, a formación e capacidade de traballo e, polo tanto, non imos fallar, non podemos permitírnolo. Por elo temos que alonxar do proxecto os malos augurios, a xente que non estea implicada que non moleste, e temos que estar ao carón para axudar no que poidamos. Así tamén conseguiremos algo fundamental, como é a volta ao traballo dos que aínda están fóra. O futuro pasa por conseguir que en Galicia quede o valor engadido do leite, porque agora imos transformalo, a facer postres, e son postres feitos ao 100 % con leite galego, o mellor leite de mundo, que por certo, tamén temos que conseguir que se pague no mercado ao prezo que merece. Este é o camiño, a chave témola todos cando entramos nas cadeas de alimentación, temos que ser selectivos á hora de mercar, non por axudar, se non porque queremos ter na casa para os nosos o mellor producto do mercado. Na túa man está.