«Gústame moito subir ao Monte Branco e mirar o mar desde alí»

Ángel Palmou CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

O escritor participa hoxe no xornada de peche do Simposio Pondaliano

30 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dun mes de actividades, o Simposio e o Outono Pondalianos despídense hoxe cunha xornada que terá como invitado principal ao presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. O intelectual volverá así a unha terra na que xa ten estado con anterioridade para tomar a palabra nun dobre encontro, primeiro cun grupo de rapaces do instituto de Ponteceso, e despois, cos participantes nos actos centrais do Simposio.

-¿Cales serán os eixes das súas intervencións?

-Primeiro vou dar unha clase de literatura a alumnos de cuarto de ESO. Xa que estamos en Ponteceso faremos un comentario de texto do himno galego, que é un texto literario pouco explicado en xeral. Todos o sabemos e o cantamos, pero non está moi divulgado o senso profundo que ten. Despois falarei de De Pondal a Novoneyra. Ese é o título dun libro meu que non significaba nada en particular máis que un período de tempo da historia da literatura galega, do século XIX ao XX e ao XXI. Do que vou falar é da necesidade dunha revisión da historia literaria, da literatura galega.

-¿Por que é precisa esa revisión?

-Porque na narración da historia da literatura o discurso dominante non serve para o noso tempo, hai que volver a facer outro.

-¿Ten predilección particular por algún dos dous públicos que vai ter en Ponteceso?

-Eu son un profesor, xubilado, de ensino medio que está moi afeito a falar cos rapaces. É o meu oficio, e polo tanto estou cómodo nas dúas plataformas. Os rapaces interésanse ou non na poesía dependendo de como se lle conte.

-¿Que opina de actividades coma este Simposio Pondaliano?

-É algo magnífico. A sociedade cultural que o promove é un exemplo para toda Galicia. Levan anos e anos promovendo actividades que son seguidas e apoiadas non só a nivel local, de Ponteceso e Bergantiños, senón a nivel galego. Son un referente e un exemplo de bo facer.

-¿Xa ten participado noutras actividades en O Couto?

-Teño estado en O Couto en diferentes ocasións, polo menos en dúas se a miña memoria non me falla. Mañá [por hoxe] reencontrareime con vellos e admirados coñecidos, e activistas da cultura. Monte Branco non se ocupa só de Pondal e de Bergantiños, senón da cultura galega no seu conxunto. Espero pasalo ben porque a min gústame moito subir ao Monte Branco e mirar o mar desde alí arriba, así que tratarei de facer un buraquiño.