O museo vigués márcase o reto de manter unha liña de calidade
11 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Cúmprense dez anos do Marco; dez anos que deron para moito, dende aquela Atlántica inaugural ata a actual A balea negra. Artistas como Gary Hill, Thomas Hirschhorn, Ángela de la Cruz, Roman Ondák, Santiago Sierra, Martin Creed ou Tania Bruguera fixeron proxectos específicos para o Marco, algo que podería parecer impensable para unha institución tan nova e cuns medios modestos. Non menos importante foi a revisión de traxectorias de artistas como Virxilio Viéitez ou Jorge Barbi, ou as exposicións colectivas, un signo de identidade do Marco, que axudaron a tratar aspectos fundamentais da arte contemporánea, como a utilización da fotografía conceptual, o son, a performance, a propia linguaxe da arte, as relacións entre obra e espectador, as fronteiras, o deseño galego? e así ata máis de 80 exposicións, algunhas das cales supuxeron a primeira oportunidade de participar en proxectos individuais ou colectivos para moitos artistas galegos que hoxe son nomes recoñecidos.
Foron moitas as entidades coas que colaboramos nestes anos, dende a próxima Fundación Carlos Casares, ata a lonxana The Japan Foundation, pasando pola Fundação Gulbenkian de Lisboa, a Frankfurter Kunstverein, a LABoral de Gijón, a Fundació Miró de Barcelona, o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo, o Artium de Vitoria, o Centro José Guerrero de Granada ou o FRAC Lorraine -co que convocamos o Premio de novos comisarios- entre moitas outras.
No Marco damos unha gran importancia á formación, e facémolo a través dunha programación estable que inclúe actividades para escolares, obradoiros para público familiar e actividades para públicos específicos, ademais dos cursos de adultos, que reúnen a máis de 200 persoas nas dúas propostas sobre historia da arte galega do século XX e sobre historia do cinema no seu tránsito do clasicismo á modernidade. Os nosos obradoiros didácticos téñense convertido nunha referencia, recibindo o alumnado dos centros educativos e o público familiar nas fins de semana, achegándolles á arte contemporánea dun xeito diferente ao que poden estar habituados. Tamén son numerosas as persoas que fixeron prácticas ou foron voluntarios no Marco, que para moitos deles foi o seu primeiro contacto co mundo laboral.
Dentro dos nosos obxectivos sempre estivo o de ser unha institución aberta, receptiva a novas propostas, mantendo unha liña rigorosa pero que ao mesmo tempo puidese conectar coa sociedade, ofrecendo proxectos con múltiples lecturas para os expertos, e tamén para quen se achegase por primeira vez á arte contemporánea. Máis de 800.000 visitantes pasaron polo Marco ao longo desta década. Fundamental, e un grande apoio para o Marco como proxecto, é tamén o labor da nosa Agrupación de Amigos e da súa presidenta, Daniela Sarraíno, sempre preparando actividades con estas persoas interesadas na arte contemporánea, para as que preparamos visitas, viaxes, encontros, o ciclo Marco Extramuros e moitas outras iniciativas en colaboración con distintas entidades.
Para os próximos dez anos, temos o difícil reto de continuar facendo os mellores proxectos posibles, mantendo esta liña de calidade e de ofrecer aos nosos visitantes programas atractivos, para que os máis pequenos lembren a experiencia, a xente nova se achegue ao museo como algo habitual dentro dos seus plans de ocio, e o público en xeral atope motivos de interese para visitarnos. Para iso precisamos do apoio de todos; do público, dos medios de comunicación, de empresas privadas que vexan oportuno colaborar con nós en favor dunha maior visibilidade das súas marcas; e por suposto das institucións que integran o Padroado da Fundación Marco, formado actualmente polo Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura.