«Temos un pacto estable e serio para catro anos»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

Miguel Anxo Fernández Lores Alcalde (BNG)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, leva trece anos gobernando, nove de eles en coalición có PSOE. E non lle vai nada mal.

-O de Pontevedra tense convertido no único pacto BNG-PSOE nas cidades galegas. ¿Cal é o segredo?

-En Pontevedra, independentemente das directrices políticas, que as hai, sempre fixemos os pactos en base a criterios de seriedade, rigorosidade e de definición dun proxecto para catro anos, cada un coas súas responsabilidades. Houbo ocasións en que levounos tempo chegar a acordos, e se nos criticou por elo, pero eu creo que vale a pena matizar ben as cousas, deslindar campos e responsabilidades para que o pacto funcione ben. Indiscutiblemente somos dúas forzas distintas, e sobre todo nos últimos tempos temos diferenzas abismais dende o punto de vista de política económica, de política europea e de política estatal.

-¿Existe risco de ruptura tras os casos de Ourense e Lugo?

-Nas eleccións municipais os cidadáns de Pontevedra veñen dando a maioría a forzas políticas de esquerdas, e nós temos a obriga de facer un pacto de goberno serio e sensato que faga que Pontevedra vaia avanzando, que se fagan cousas, que sexa estable, que permita mellorar a vidas dos cidadáns e, agora, facerlle fronte no que se poida ás políticas de desmantelamento dos servizos públicos e da sociedade do benestar.

-¿Funciona ben o pacto?

-Eu estou satisfeito có funcionamento do pacto en Pontevedra. Chegamos a acordos no fundamental, no que se refire a cuestións de política municipal, e cada un ten os seus campos deslindados. E cando non hai acordo, non pasa nada. Non sería a primeira vez que votamos de forma distinta nun pleno en certas cuestións de política xeral. Nós temos un pacto para os catro anos, estable e serio. Para elo poñemos interese xeral por riba dos intereses partidarios, mantendo obviamente as diferenzas ideolóxicas de dúas forzas diferentes.

-¿Qué lle parece a decisión do BNG de Ourense e Lugo de romper os seus respectivos pactos?

-Son casos excepcionais. No caso do BNG, este tipo de decisións, como a de entrar nun goberno de coalición nun momento dado, as tomas sempre dos militantes, as asembleas locais. Foron estas asembleas as que decidiron nos últimos tempos saír dos gobernos tanto en Ourense como en Lugo, por circunstancias xudiciais, de imputacións dos alcaldes. Pero outra cousa é que permitamos gobernar ao PP por non chegar a acordos, cousa que non vai suceder.