O colectivo celebrará hoxe asemblea xeral extraordinaria
23 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A directiva da Asociación de Pais de Disminuidos Psíquicos do Deza (Aspadeza) convocou aos socios a unha asemblea xeral extraordinaria, que se desenvolverá no centro do colectivo en Mouriscade (Lalín), a partires das 20.30 horas e na que se celebrarán eleccións aos órganos de dirección.
O que foi presidente do colectivo ao longo de case cinco anos e case nove formando parte da xunta directiva en calidade de vogal, Antonio Baldonedo, amosou en reiteradas ocasións o seu desexo de afastarse da presidencia co gallo de dar paso a un proxenitor que tivese o seu fillo no centro. Finalmente todo apunta a que esta noite podería acadar o ansiado relevo na persoa da lalinense María Taboada, unha muller que coñece de preto o organigrama de funcionamento da asociación ao ser vicepresidenta da mesma. A decisión última estará na decisión que adopten os socios que concorran á asemblea. «A mágoa é que seguro que só ven un dous ou un tres por cen dos asociados», aseguran dende a directiva. Agárdase pois un número exiguo de asistentes malia que Aspadeza conta na actualidade con 210 socios, dos que 45 son pais de alumnos do centro ocupacional.
O presidente en funcións de Aspadeza, Antonio Baldonedo, asegura que deixará a presidencia «coas metas que me puxen cumpridas. Cando cheguei á presidencia da asociación a estructura do centro ocupacional en Mouriscade estaba feita pero non estaba funcionando. Foi preciso solventar varios problemas que había na infraestructura e ainda estiveron os alumnos traballando nas dependencias do vello colexio Manuel Rivero ao longo de ano e medio. Logo chegou o traslado, tan desexado, o comezo das actividades en Mouriscade, a lavandería e mesmo os traballos que nos chegaron de empresas coma Florentino, Embutidos Lalinense e GSI e coas que continuamos mantendo relacións laborais».
Á nova xunta directiva de Aspadeza restaralle rematar a compra dun piso tutelado. «Xa está tramitada a petición dunha subvención ao GDR Terras do Deza para mercar un piso de varias habitacións ou un baixo para habilitalo como vivenda tutelada para algúns dos nosos usuarios. De todos os xeitos a obra que máis presa tiña, dende o meu punto de vista, era o peche perimetral do centro. Uns traballos rematados e que supoñen un plus de seguridade para os alumnos que veñen ao centro».