Axendas como antídoto

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Para escapar do pesimismo refúxiome nun lugar fronte ó mar, pero hai mar de fondo. Sen dúbida, este que remata foi un mal ano incluso para os especuladores. A proba do nove está neses números que varían sen orde nin prazo fixo, e nas infelices curvas de todo tipo de estatísticas que día a día medran cara ó abismo, pero sobre todo nesa pregunta aparentemente inocente das amas de casa: ¿que poñerei para xantar?.

No ambiente nótase certo afán por pasar folla, por ver se cambian as tornas, e márcase a data de Noite Vella, coa esperanza de que a partir daí se abra un novo ciclo, coma quen agarda unha primavera chea de flor. Fales con quen fales, todo son lamentos coa vista posta na tarxeta de creto. Xa sabemos que o turrón vai ser máis caro, aínda que se merque de oferta e peor calidade, porque a nómina perdeu poder adquisitivo. Calquera observador pode corroboralo botándolle unha ollada ó entorno, ou poñendo a orella para saber de que se queixa cada quen, pero hai un sinal moi significativo nos escaparates das papelerías e quioscos, que se vén notando desde mediados de outubro: a exposición de novas axendas. É como se houbese un afán encuberto por deixar obsoletos, o antes posible, os actuais dietarios, para que vaiamos enchendo as páxinas do vindeiro ano con novos soños e devezos: Usar axendas como antídoto contra a crise.

O primeiro aviso desta necesidade de pasar folla (do almanaque) deuma o meu barbeiro, que só sabe falar das glorias do Dépor e ultimamente está moi calado, agasallándome cun calendario de peto con dous meses de antelación. Pregunteille, se non era moito adiantarse, e respóndeme convencido de que así xa era un traballo feito. Pero despois, xa entrando nas cousas da amizade, dos proxectos e dos intereses que nos moven, notábaselle unha présa especial por facer correr o tempo, marcándome todo o que ten proxectado de xaneiro en diante, incluída unha dieta para perder peso e o propósito de mercar uns fascículos para ir aprendendo algo de alemán, polo que poida vir. Aínda despois de deixalo, ó pasar pola librería da esquina, vin o Zaragozano, e O mintireiro verdadeiro, cos seus cálculos sobre a climatoloxía e días de feira, adiantándose, incluso, a que de súpeto, se ó goberno se lle ocorre, que é moi posible, se saque un decreto prohibindo os mercadiños, por ser os chafarices dos feirantes competencia desleal para os tendeiros con local fixo e iluminado.

Está subindo a marea e nin na praia me queda sitio. Volvo á casa e vexo que o carteiro tróuxome o agasallo dun par de axendas dunhas sociedades ás que pertenzo, e aínda non entramos en decembro, o que me fai confirmar que, efectivamente, hai présa por saír deste andar con acelerada marcha atrás e entendo que estas novas axendas son unha invitación a non darse por vencido, a reencher follas con novos proxectos para abrir portas a novas ilusións. E todo porque aínda nos queda a esperanza de que algún día non teñamos que ir ó médico, á escola ou ó xulgado mirando se temos saldo na conta corrente.