«Cantos é parte da paisaxe sonora e musical da cidade»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

CAPOTILLO

A artista comezou onte os ensaios con Chico César, Sés e Cheny Wa Gune, que actuarán o sábado en Pontevedra

10 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Uxía comezou onte no Pazo da Cultura os ensaios cos artistas e a banda que actuarán o vindeiro sábado (21 horas). «Foron moi ben -di-, xa saíron cousas moi interesantes. Os ensaios é case a parte máis divertida, tamén de Cantos na Maré».

-Este é o décimo aniversario, ¿cal cre que é agora mesmo a repercusión deste festival?

-É un festival que se foi consolidando e que xa ten un público moi fiel que nos segue, e que foi o responsable de que Cantos na Maré sobrevivise estes dez anos e sempre con moita expectación. Público, artistas e institucións que participan somos conscentes de que é unha festa da lingua e do encontro. Sempre digo que son voces que saíron un día deste porto e regresan a casa. Eu teño a sensación de regresar a casa, ao útero materno onde naceu a lingua. Iso é Cantos na Maré, a festa do regreso.

-Este é un proxecto único, ¿que o fai tan especial para vostede?

-Pois o feito da convivencia previa, de que esteamos xuntos, unha fusión de ritmos e de ideas, de aprendizaxe mutua. O que eu trato de que se produza como responsable da dirección artística é esa maxia do encontro e da fusión. Se non, non funciona. Gústame provocar encontros, contrastes, un cavaquinho brasileiro cunha melodía tradicional galega... Iso crea unha sonoridade única e especial e se produce porque estamos experimentando estas posibilidades,

-¿Que destaca da proposta que imos ver este sábado?

-Vai haber moita enerxía... Imos ter o privilexio de escoitar por primeira vez en Galicia a Rui Veloso, o pai do rock portugués. E logo Chico César regresa. Con este décimo aniversario queríamos ofrecer unha certa retrospectiva, ou polo menos retrotraernos a aquela primeira edición na que estaba el, que creo que é un dos grandes responsables de que o festival tivese continuidade. Isto mesturado cun furacán galego que é Sés. Eu creo que para quen non a coñeza vai ser un descubrimento. Agora estaba intentando aprender un ritmo nordestino e quería que Chico César bailase unha muiñeira. E logo está Cheny Wa Gune, un músico extraordinario, que presenta o seu primeiro disco para demostrar a forza da música africana, que é a nai de todas as músicas. E a banda é extraordinaria.

-Na presentación falaron de que Cantos na Maré vaise exportar a outros países.

-Ten vocación itinerante e estamos facendo negociacións para que poida viaxar a Cabo Verde, Portugal, Brasil, ou Angola. É o obxectivo, aparte de que Pontevedra sexa a sede e o lugar onde naceu a idea. Que ademais ten que ser Pontevedra, que é a cidade das pontes, non só físicas, senón que nos apoiou desde o principio. Cantos na Maré forma xa parte da paisaxe musical e sonora de Pontevedra.

-A pesar da subida do prezo das entradas, están case esgotadas

-Estamos felices, porque sabemos que son tempos difíciles. Pero se nós seguimos é porque hai un público fiel e rendido a este proxecto. Creo que foi un agasallo de Nadal moi recurrente. Outro día alguén comentaba que nas redes sociais unha persoa cambiaba dous gravados por unhas entradas. Paréceme moi bonito. É un festival que sobrepasa o tema máis industrial, aquí hai moita humanidade e moito traballo detrás. Pero non por iso debemos durmirnos, hai que conectar con xente nova.

-¿O futuro da música galega está neste mercado lusófono?

-Creo que si, está aí, todo depende de nós, de dar o paso e ampliar horizontes. O festival pretende demostrar como na práctica existe esa comunicación e podemos abrir ese mercado.

uxía cantante e directora artística de cantos na maré