A artista compartirá cartel con Chico César, Cheny Wa Gune e Rui Veloso
11 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Sés é nome artístico de María Xosé Silvar, unha das voces emerxentes galegas, que mañá (21 horas, Pazo da Cultura) actuará no festival Cantos na Maré. A súa aposta é unha adaptación feminina dos ritmos americanos ao galego, como se viu no seu primeiro disco, Admirando a condición.
-¿Que supón para vostede participar en Cantos na Maré?
-É unha pasada, e supón sobre todo un antes e un despois á hora de descubrir o que é traballar con músicos dun nivel impresionante. E non só a nivel técnico senón tamén de emoción, de transmisión e de paixón, aparte de coñecer outras culturas, outros xeitos de tocar. Nacen cousas superbonitas. Estou aprendendo e divertíndome. Cada cousa é un disfrute. Un día de ensaio e xa somos colegas. A música une moitísimo.
-Rui Veloso, con quen compartirá escenario, era ademais, un dos seus ídolos.
-Si, ¡e vou cantar un blues con el! Que é o que máis me gusta, cantar blues.
-Non é frecuente escoitar unha voz feminina en galego interpretando eses ritmos americanos...
-Eu creo que quizais por autonegación, pero Galicia non é diferente ao resto. Estamos dicindo sempre, en Galicia non se fai este xénero, pero tampouco se fai en Portugal, só Rui Veloso. Non hai 50 grupos que canten blues en holandés. Os grupos de blues cantan en inglés, sexan de Madrid ou Barcelona. Pero á realidade é que mellor que Muddy Waters non o fan. O blues é un dos xéneros para transmitir sentimentos, e eu, cando falo de como me sinto, falo en galego. E tamén, creo que no caso dunha muller, é complexo. Tes que estar moi segura de quen es e que estás orgullosa. Eu estou moi orgullosa de ser muller e creo que coa miña lingua podo ir ao fin do mundo. Non considero que me peche ningunha barreira, as barreiras están nas mentes das outras persoas. E o galego é unha lingua que se fala nos cinco continentes.
-¿Como definiría o seu estilo Sés?
-Eu son cantautora. Gústame o rock and roll, o blues, a música latinoamericana. E gústame vestir os temas. Ao mellor fago un tema que visto de punk, pero é un tema de cantautor. Falo do que sinto, do que vivo, do que quero ou non quero. Canto moita verdade, aínda que todos os artistas temos que ser contistas. Non penso nunca no futuro, penso o ben que o vou pasar mañá, no festón que imos montar aí arriba. Eu penso queimar o escenario, xa cho digo. No primeiro ensaio xa montamos alí entre todos un tema, e pensaba, imos rompelo todo.
sés cantante