
O artista prepara unha exposición que levará obra nova súa a Santiago
13 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Se a inspiración, segundo expresión atribuída a Picasso, existe pero ten que atopar ao artista traballando para dar froito, a Anxo Lamas pode visitalo cantas veces queira porque o artista de Bazar seguramente andará ocupado na elección de cores ou no tratamento de materiais.
Aínda que se falou de Picasso, cuxo talento non discute, dos beizos de Lamas sae máis veces o nome de Dalí, non só porque coñeceu e tratou en Barcelona ao artista de Figueres senón porque o seu maxisterio é unha influenza que recoñece, e a súa obra, un exemplo ao que lle concede unha altísima calidade.
Máis de 8.000 obras teñen saído das mans de Lamas, que engade que a cifra se cadra é maior, pois comezou a contar a produción cando xa levaba anos de traballo. Pero malia o camiño percorrido aínda lle quedan proxectos e ilusións. «Teño ganas de pintar a miña Anunciación», di. Entón, ao artista non se lle veñen á cabeza nomes de artistas máis ou menos recentes e coñecidos, senón que cita a Fra Angelico ou a Murillo.
Chegados a este punto, o autor desta reportaxe sente a necesidade de subliñar que Lamas cita eses nomes de artistas na súa conversa pero que o fai sen pedantería nin presunción. Volvendo aos proxectos inmediatos, sinala unha das paredes do seu estudo no que prevé pintar ese cadro de temática relixiosa: as imaxes, di terán tamaño real, cuestión non difícil de conseguir porque a parede ten uns once metros de fronte e oito de altura, e o ambiente será galego.
Outro proxecto con data próxima -suponse que será realidade a finais da primavera- é a exposición que levará obra nova súa obra a Santiago, á sede da Fundación Granell: serán pinturas sobre madeira, cunha intensidade de cores que non rexeitaría o pintor que dá nome a esa institución na zona vella compostelá. Lamas comenta, sen perder o sorriso, que non entende aos pintores que semellan ter medo ás cores e se refuxian na escuridade.
Esculturas
No estudo de Lamas, en Bazar, hai tamén abondas mostras do seu traballo como escultor. Como na pintura, hai diferentes materiais empregados, se ben os trazos seguidos son practicamente os mesmos. Vendo as diferentes mostras do seu labor, a un seméllalle case inevitable preguntarlle ao artista se se sente máis pintor ou escultor. A súa resposta é breve: «Depende», di. Tamén semella inevitable dicirlle que é unha resposta moi galega: tan galega, por exemplo, como as madeiras de carballo ou de castiñeiro usadas nas súas obras.