Xosé Carlos Seráns, director da Banda Municipal: «O que facemos paga a pena»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

XOÁN A. SOLER

Deixou a carreira militar para vir a Santiago e cumprir un soño

11 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Carlos Seráns Olveira

Ribeira, 1962

O Auditorio de Galicia e a súa contorna, lugar de traballo pero tamén de lecer.

Ábrese o pano. Aparece unha pantalla branca e, por baixo dela, 34 instrumentistas profesionais. Na pantalla saen imaxes en cor de clásicos animados e a formación comeza a interpretar a banda sonora desas pezas: Aladdin, Shrek, A Bela e a Fera, O Rei León... Aos mandos da nave está Xosé Carlos Seráns Olveira (Irixoa, San Martiño de Oleiros, Ribeira, 1962) director da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, unha formación que ten moi claro que o repertorio das bandas non remata con Ruperto Chapí.

«Cheguei a Santiago no ano 1987 -conta- aprobei a oposición de tuba na Banda Municipal e deixei a carreira militar». En Ferrol, Xosé Carlos Seráns era cabo primeiro chaqueta e tocaba na banda do Tercio Norte, cinco anos dos que garda moi bo recordo e onde coñeceu grandes amigos e grandes músicos. Hoxe é un compostelán máis. «Para os músicos, que temos tanta fama de trotamundos -di- atopar un traballo a sesenta e tantos quilómetros da miña casa foi un privilexio».

A xubilación de Amador Santos Bartolomé deixou vacante a praza de director da formación musical santiaguesa. E alá foi Seráns, decidido. «Levaba dirixindo desde os 24 anos, aínda que non de xeito profesional, gústame a música en xeral. Se me propoñen facer outra cousa, que me xubilen, porque non sabería», explica.

O caso é que o debate está aí. Non falta quen considera -ou considerou- que as bandas de música municipais son formacións «prescindibles», como se a música non fose importante na vida das persoas. Xosé Carlos cre que é un privilexio, efectivamente, que un Concello como Santiago conte cunha banda de música profesional, si, «pero tamén é un orgullo e un honor e ten un custo, exactamente igual que calquera outro tipo de dotación». Agora mesmo ensaian no Auditorio de Galicia, local que tamén ten uns gastos de mantemento. «E tamén o Teatro Principal ou os Centros Socioculturais, que son colectores que logo hai que encher de contido», precisa. O director Seráns pensa, porén, que hai xente moi errada «en querer cargarse todo o que significa un certo patrimonio cultural que é da cidade e que hai que poñer en valor e dar a coñecer a toda a cidadanía». E iso, precisamente, pódese facer coa banda, que dá uns 65 concertos ao ano, todos diferentes; non hai formación que poida facer iso.

En Galicia só sobreviven dúas bandas profesionais: a nosa e a de A Coruña, «que son as grandes descoñecidas», di. Xosé Carlos Seráns dirixe a 34 músicos e con eses recursos hai que tirar. «E que non che apareza unha baixa, porque cada músico toca o seu instrumento, son profesionais, especialistas, como en calquera outra disciplina». Só desde o descoñecemento se pode afirmar, pois, que o que é músico ten que tocar de todo. ¿Ou alguén podería pensar que un dianteiro centro pode xogar igual de ben de defensa? Seguro que non.

A innovación é marca da casa. Di Seráns que «queixarnos todos os días e botarlle culpas á crise non arranxa nada; aquí, e falando en linguaxe coloquial, hai que botarlle peito á vida e dicir: isto é o que hai e con isto teño que demostrarlle, tanto ao público como aos que teñen poder de decisión, que o que facemos paga a pena».

compostelanos en su rincón xosé carlos seráns, director da banda municipal