As agrupacións de voluntarios de A Coruña, incluíndo as barbancesas, aglutínanse nunha entidade que trata de coordinar os seus esforzos
10 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Manuel Sánchez leva media vida dedicando o seu tempo a atender todo tipo de incidencias como integrante da agrupación de voluntarios de Bergondo. Co paso tempo, acabou convertido no responsable do equipo, e hai só uns meses, a finais do ano pasado, asumiu a responsabilidade de encabezar a Asociación Provincial de Protección Civil, que aglutina a un total de 65 agrupacións, incluíndo as que traballan na comarca barbancesa. A súa principal preocupación son os voluntarios, así que o polémico mapa de emerxencias de Galicia aprobado pola Xunta e a Fegamp é un asunto no que prefire non entrar, aínda que é unha cuestión da que, evidentemente, se falou no seo da asociación provincial.
-É responsable da agrupación de Protección Civil de Bergondo dende hai anos, ¿que o levou a postularse para asumir tamén a presidencia da asociación provincial?
-¡Ás veces non se pensa moito o que se fai! Pero de momento lévoo moi ben, non hai problema. Estamos recentemente chegados, practicamente, e con ganas de traballar.
-¿Cales son as súas funcións? ¿Con que finalidade naceu a asociación provincial?
-Basicamente, mirar polos voluntarios e intentar conseguir as mellores condicións posibles para as agrupacións, coa obtención de subvencións, uniformes, cursos de formación... A asociación provincial coordina un pouco a actividade de todos os equipos de Protección Civil da Coruña. Todas as provincias teñen a súa asociación.
-¿Como se organizan?
-Facemos reunións para coñecer as necesidades das agrupacións e tramitar as peticións que haxa. Non hai unha periodicidade establecida, reunímonos en función das necesidades que vaian xurdindo, e coas demais asociacións provinciais tamén temos encontros unha ou dúas veces ao ano, salvo que pase algo grave ou haxa un operativo moi importante, como ocorreu coa última visita do Papa, por exemplo. Ademais, en cada zona hai un responsable porque o presidente non pode estar en todos lados. No caso de Arousa norte e Noia, ocupan este posto Nacho Pérez e Eduardo Moledo.
-Tamén tiveron algunha reunión a raíz da polémica xurdida coa aprobación do novo mapa de emerxencias da Xunta, ¿adoptouse algunha decisión sobre este asunto?
-Falouse da situación na que queda o voluntariado e houbo un acordo unánime para demandar que se potencien as agrupacións de Protección Civil con máis subvencións e a dotación de máis medios materiais.
-¿Afecta ese novo mapa autonómico ao funcionamento dos equipos de voluntarios?
-Aféctanos si e non. Nós representamos ao voluntariado, non aos Grumir nin aos novos grupos de emerxencias comarcais, e os voluntarios van seguir facendo máis ou menos o mesmo traballo. O que si que pedimos é que se potencien estas agrupacións o máximo posible.
-Pero, á fin e ao cabo, o labor destas agrupacións verase intensificado ao reducirse o número de equipos de emerxencias profesionais.
-Hai concellos, coma Boiro ou Noia, nos que Protección Civil funciona as 24 horas os 365 días do ano, e é neses municipios nos que hai que potenciar eses grupos de voluntarios dotándoos cos medios necesarios.
-¿Terán novas reunións por este asunto?
-Houbo unha primeira xuntanza entre as asociacións provinciais e quedamos de volver vernos despois de que cada unha celebrara a súa propia asemblea para coñecer a opinión das agrupacións. Seguramente, a semana que vén haxa unha nova reunión entre as entidades de toda Galicia.
-¿E cales son as principais liñas de traballo da asociación neste momento?
-Agora mesmo estamos traballando para unificar os uniformes das agrupacións, na busca de subvencións e estamos xestionando coa Axencia Galega de Seguridade os cursos de formación para os voluntarios. Estamos loitando para ofrecerlles as mellores condicións.
-No que respecta aos medios, e incluso a formación, cos que contan hoxe os voluntarios, ¿houbo unha mellora importante?
-Evidentemente houbo unha evolución. Cando eu comecei no ano 1996 non tiñamos practicamente nada e, pouco a pouco, foise mellorando. Hoxe, máis ou menos, todas as agrupacións teñen un camión e un material mínimo. ¿Que fan falta máis medios? Por suposto, sempre fan falta máis.
-O seu labor ten moito de xestión, ¿como o compaxina co traballo na agrupación?
-Si que leva bastante tempo, a verdade, case non tes tempo libre, pero hai que moverse.
Manuel Sánchez Presidente da asociación provincial de Protección Civil
«Co novo mapa de emerxencias os voluntarios van seguir facendo o mesmo traballo»
«Hai que potenciar os equipos dotándoos cos medios necesarios»