Na volta de menos dun mes tiven unha relación con Portugal bastante intensa, tanto de ciencias como de letras, e cada día convénzome máis de que os nosos veciños, así pola calada, teñen un potencial que non debemos esquecer, xa sexa en abraiantes mostras de enxeño como na humildade con que moitas veces as transmiten, sen alardes de prepotencia. Claro que hai de todo, e tamén lembro cando Saramago levou o Nobel de literatura, que na parroquia das letras galegas, pola proximidade lingüística, sentiuse como propio, sen embargo, este escritor era moito máis pro-español ca pro-galego; pero non importa, os personaxes só son minúsculos engrenaxes que, moitas veces, nin eles mesmos saben quen son.
Hai quince días asistín á presentación da obra dun recoñecido escultor portugués, quen nos falou de cada peza nun castelán impecable, e mentres el disertaba sobre a prolongación do espazo máis aló do que o volume amosa, preguntábame cantos artistas españois se dirixirán a un público portugués no idioma deles. Tamén a pasada semana, estiven nun concerto, dirixido, asemade, por un afamado director portugués que aínda non cumpriu os corenta anos, quen nos agradeceu a asistencia nun claro e preciso castelán. Penso que, tanto este como o escultor, estando en Galicia, podían facelo en portugués e todos lle entenderíamos, pero é que, en ambos casos, estaba na sala o alcalde da Coruña, e como é sabido, sempre se ten máis deferencia coas autoridades, por moi brutas que sexan, ca co publico asistente. Unha mágoa.
E digo isto porque uns días antes, un profesor de física da Universidade de Santiago, un dos que traballan no descubrimento do famoso bosón de Higgs, falounos dalgúns colegas seus que, formados en Compostela, gracias ó galego hoxe están traballando en universidades portuguesas e colaborando, no nome de Portugal, en proxectos de alta tecnoloxía internacional. Xa o dicía Castelao, que a grande porta do iberismo é o idioma, e o galego precisamente é a chave.
Seguindo con estes encontros coa intelectualidade lusa, haberá pouco máis dunha semana, asistín á presentación dun libro de historia, onde un brasileiro fixo a crítica do mesmo na mesmísima Real Academia Galega, esta vez en portugués (non estaba o señor alcalde) glosando ó mesmo tempo os valores do noso idioma como vehículo para saír ó mundo. Creo que o tipo sabía máis de Galicia ca moitos dos nosos dirixentes políticos.
Vén isto a conto porque, mentres os nosos veciños amosaron sempre unha predisposición cara o idioma dos mesetarios, ás veces esquecendo que en Galicia falamos o mesmo con pequenas variantes, e que o Miño na vez de separar une, semella que desde España sempre houbo como un certo trato de compaixón (por non dicir outras cousas) tanto cara portugueses coma contra os desta banda do Miño, sen decatarse de que unha das máis importantes obras do Prado, e tamén da historia da arte, aínda sendo pintada por un andaluz, ten o seu nome en portugués.