Unha nova historia

La Voz

FIRMAS

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Elisa camiña pola rúa sen fixarse por onde vai. Non entende o seu suspenso en Física, fixera un gran esforzo para conseguir aprobar. Choca cunha persoa e todos os seus apuntamentos acaban no chan.

-Perdón!

-Pero non ves por onde vas? -berra Elisa.

-Eh! Non é por nada pero a despistada eras ti. A ver que che axudo?

-Esquéceo! Tiveras máis coidado.

-Está ben, non te preocupes. Toma! -dille o rapaz mentres lle entrega os apuntamentos.

-Grazas.

Foi entón cando Elisa se fixou. Era un rapaz de pelo castaño, algo máis alto ca ela. Destacaba nel o seu bonito sorriso e uns preciosos ollos castaños claros. Tería os seus anos. Non debeu ser tan groseira.

-Perdoa polo de antes -descúlpase Elisa.

-Non te preocupes. Eu son Xoán. E ti?

-Oh, eu son Elisa e normalmente son máis civilizada.

-Entón, que che pasou para comportarte deste xeito?

-Uff, é longo de contar.

-Entón invítote a algo e cóntasmo.

-É que xa quedei cunha amiga. Se queres, intercambiámonos os números de teléfono, o tuenti..., e quedamos outro día.

-Ah! Vale -di Xoán desanimado-. Tes por aí papel e lapis?

-Si, claro, toma.

Xoán colle o papel e escribe algo.

-Aquí tes todo o necesario para atoparme cando queiras. Abur.

-Abur.

Chámome Xoán e teño 17 anos. Teño dous irmáns pequenos e unha irmá maior. Gústame facer deporte e saír os sábados á noite. Teño moto, o meu maior tesouro polo momento. Non teño moza. O meu tuenti é Xoán González e o meu teléfono é...

Elisa non pode deixar de ler esta nota. Está desexando acender o ordenador, pois ninguén antes lle causara tan boa impresión. A súa amiga Laura aconselloulle esquecer o asunto xa que só lle traería problemas. Pero Elisa estaba convencida de que non sería así. Entrou no seu tuenti: «Xoán González». E agrégao. Espera acertar. E cinco minutos despois sae unha nova ventá: Xoán González. Nese mesmo segundo sente ata cen sentimentos distintos; feliz, porque a súa intuición non lle fallou; medo a que Laura teña razón, dúbidas, bolboretas no estómago, ganas de rir? Finalmente, un único sentimento: a ilusión por unha historia que quizais comece. Abre a ventá e le: «Xa te botaba de menos».

Xa sen a menor dúbida, Elisa escribe:

-Es a primeira persoa, coa que só falei cinco minutos, que me di iso.

-Quizais porque neses cinco minutos non te coñeceron coma min.

-Así que xa me coñeciches?

-Si!

-Entón, dime como son.

-Doce, non deixarías de lado un amigo por nada do mundo, tes carácter.

-E como sabes ti iso, ho?

-Polos teus xestos e a túa mirada.

-Es observador.

-Só me fixo no que me interesa.

Non se equivocaba. Comezaba una nova historia.

Cristina Vilas

ten 17 anos; estuda segundo de Bacharelato no IES Campo de San Alberto, de Noia