Víctor Prieto e Daniel Meiriño
14 may 2013 . Actualizado a las 21:18 h.A infancia que forxou ó que alguén definiu hai pouco coma o mellor acordeonista de jazz do mundo aparece esparexida entre Caracas e o barrio de Vista Hermosa. Mal estudante confeso e unha estrela incontestada do futbolín, Víctor Prieto (Ourense, 1975) soubo sempre que quería ser músico.
Trasplantárono a Caracas con 3 meses e alí fíxose músico ó seu pesar: «Ós 8 anos empecei cunha profesora italiana, con órgano. A miña nai quería que tocara o acordeón, por aquelo de María Jesús e os Pajaritos, pero eu non quería nada. Finalmente empecei en clases particulares de acordeón; fun a rastras pero despois descubrín o gusto».
Tanto que, xa de regreso en Ourense, en 1988, mantivo o empeño. Foi unha época intensa de formación: nun Conservatorio que non lle permitía estudar acordeón, na academia de Daniel Meiriño e o seu grupo, O?Kellys -recibía clases e desprazábase a Barcelona para os exames-, e tamén mergullado no mundo semiprofesional, con orquestras en festas e verbenas.
«No Conservatorio -lembra Meiriño, primeiro profesor de acordeón en Ourense e actualmente no centro da Coruña- impartíase enseñanza clásica 100%, que é outro handicap. Este alumno tiña outras ideas. Foi pioneiro optando polo jazz, a vía menos coñecida aquí».
«Eu -retruca Víctor- estaba canso do modo de ensinar música clásica, do sistema». «Había un elitismo entre o profesorado -engade o profesor-; eramos mal vistos os que tocabamos en orquestras, iso é falta de formación, de educación e de profesionalidade».
A ruta das orquestras
Víctor foi dos que pasou por orquestra, e ben cedo: «Empecei a tocar en orquestras con 13 anos, tocaba teclados. A primeira foi Abanico, ensaiabamos no Polvorín; co acordeón empecei noutra, Los latinos, daquela xa estaba en clases con Daniel... Foi unha boa experiencia, calquera músico que queira chegar a algo ten que pasar por aí, é clave para facer unha carreira, hai que chupar a nosa cultura».
Á «ignorancia musical que había nesa época» lle achaca Prieto unha decisión crucial: «Quedei asqueado do Conservatorio por iso, non porque non me gustase a música clásica. Foi unha das razóns polas que marchei a Estados Unidos».
Alí fixo historia graduándose en acordeón en Berklee e chegando a un excelso recoñecemento como instrumentista, como músico e como profesor. Asentado dende hai 11 anos en Nova York, dá clases no Conservatorio de Brooklyn, na Berklee e ata en Xapón, pero non esquece os seus días de profesor de música na escola da Peroxa nin os primeiros cartos gañados nos veráns de orquestra e xira co quinteto O? Kellys. «Daniel era un tipo moi loitador e preocupado polos estudantes; levábanos a festivais, e non só para tocar, senón para que viramos o que había fóra, para cargar as pilas e animarnos a chegar a ese nivel», salienta.
De visita en Ourense, Víctor volve a Vista Hermosa, xunto á súa escola de primaria: «Foi unha experiencia moi boa, iso que nunca fun bo estudiante, non quería estudar, sempre quixen facer música, pero alí seguen estando os meus amigos».