Entre a chea de parvadas que un ten escoitado sobre a lingua galega ocupa un lugar sobranceiro a polémica entre a Real Academia e o BNG. Fogueira que foi prendida hai dez días e da que aínda voan as faíscas.
Primeiro, Alonso Montero estreouse no cargo dicindo que o galego «non é dos nacionalistas». E comparando ó BNG cunha nai tan protectora que abafa o idioma. Aproveitando que falaban da súa minguada formación, o voceiro do Bloque, Xavier Vence, chamou ó presidente sectarista, misóxino, españolista, antinacionalista, botarate petulante e bocazas. Todo isto xunto nas mesmas declaracións. Un exemplo do que na nosa terra chamamos «botar por fóra».
Se lamentable é o xardín no que se meteu Alonso Montero, o de Vence xa non ten nome. Non só polos insultos. Senón porque ten coña que un partido que apoia ó PSOE, con E, ande repartindo sambenitos de españolismo.
Como fai con AGE, por exemplo. Coherente, desde logo, non semella. E incoherencias como esta son as que ó BNG lle pasan factura.
Esta xente anda perdidiña de todo e non semella que Vence viñese concordar. Mentres a organización frontista afúndese, os da U van felices, na súa ortodoxia heterodoxa. De gauche divine sen polisóns nin frouma dos piñeiros.
Entre Alonso e Vence, bonito Día das Letras Galegas nos teñen dado. Un, por non entender a prudencia institucional. E o outro, por andar a botar por fóra con insultos que non veñen a conto...
Hai egos, individuais e colectivos que pensan que non caben en Galicia. Non teñen espazo dabondo. Nin sequera coa que está a caer, para a sociedade e a lingua. Pero os que aguantan rexamente mentiras e inxustizas de cotío, eses galegos, non teñen por que aturar isto.
Abonda xa de parvadas!
eduardorolland@hotmail.com