O actor e dramaturgo ribeirense presentará esta noite en A Laracha unha das súas vellas historias, «Negro Ismael»
24 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Cento sesenta privilexiados, os máis rápidos na compra das entradas, gozarán esta noite do falar pausado e hipnotizante de Francisco Cadaval Ayaso (Ribeira, 1960). Quico Cadaval subirá ao escenario da Casa da Cultura de A Laracha (22.00 horas) para contar unha historia real, a do Negro Ismael que tanto lle marcou cando era un neno.
-¿Quen era Ismael?
-Era o único negro que había en Ribeira alá polos anos setenta. Unha minoría étnica absoluta. Eu crieime nunha taberna e a metade das historia que conto proceden de aí. As que oía ou mesmo protagonizaban os clientes. Ismael foi, durante toda a miña infancia o visitante máis extraordinario, o máis exótico. Era mariñeiro e dicía que tiña un paxaro extraordinario, sedutor de mulleres, repeledor de piratas e boxeador. Practicamente nada era certo, pero impresionoume. Era unha historia un pouco parecida á da Illa do tesouro, porque no meu caso tamén había un neno, eu, fascinado polo perigo. Negro Ismael é unha historia moi querida por min, pero había moito que non a contaba, porque a retirara.
-É unha historia con moita historia xa.
-Si, fíxena polos noventa, cando empezamos a xeración dos contadores de historias, con Paula Carballeira, Cándido Pazó, Carlos Blanco, Patricia Vázquez... Daquela eran uns tempos moi reflexivos artísticamente e polo tanto moi bos. Subías ao escenario e botábaste a falar. Había un público disposto a que pasase calquera cousa e así nacían historias coma a de Ismael.
-¿Como reaccionaban os protagonistas das súas historias? ¿Deixaban de ser clientes do bar familiar?
-(Risas). A verdade é que o bar da miña nai xa está pechado e penso que non foi por un ataque de persoas humilladas. Penso que as persoas que normalmente van a unha taberna non lles gusta a súa vida e entón a inventan, así que eu o que conto non é tanto o que lles pasaba, senón as fantasías que tiñan. Nese sentido Ismael tamén me permite falar dunha época moi curiosa, que é o final do franquismo, cando eramos moi modernos todos, chegaban noticias do exterior constantemente, ancheaban as patas dos pantalóns, chegaban as primeiras chupas, empezaba o destape... No Negro Ismael conto, por exemplo, que grazas a el ía ao cine e podía entrar en películas que despois eu lle contaba aos meus compañeiros na escola.
-¿Como é o público da Costa da Morte?
-Eu sempre vou moi contento porque teño un público moi activo. O público é como o mar, e ás veces o tes encalmado, pero outras levántase e ten remuíños por aquí e por alá. O público devólveme sempre moita enerxía e na costa hai sempre unha enerxía moi forte e gustan moito as historias de xente de verdade.