Foi senador do Bloque e -aínda que agora milita noutra formación, Compromiso por Galicia (CxG), da que é coordinador provincial- a xente aínda o recorda por iso. «Na consulta aínda hai algún que me pregunta que tal no Bloque», di Xosé Manuel Pérez Bouza (Caracas, 1970), enfermeiro de profesión.
-¿En que se diferenza a actividade de CxG coa dos partidos que si teñen representación?
-A nosa actividade interna é moi semellante á de outras organizacións. Estamos traballando de cara a dentro incrementando a afiliación e a constitución de agrupacións locais e, a nivel externo, fixando posicionamentos sobre os temas de actualidade. Ademais, estamos a emprender contactos con forzas sindicais, asociacións de veciños, Cámara de Comercio, CEO...
-¿É máis difícil facer chegar a vosa mensaxe á cidadanía?
-Sen dúbida é máis complicado. Entendemos a dinámica dos medios, que fixan os seus focos, con toda a razón, en función da representación. Por iso, temos que darlle á cabeza para lanzar propostas que interesen. Somos conscientes do que representamos, que aínda é moi pouco.
-Se tiveramos eleccións municipais agora, ¿en cantos concellos poderíase presentar CxG?
-Estaríamos en disposición de presentar candidatura na cidade con persoas moi relevantes e con todas aspiracións. Ademais, poderíamos presentarnos no entorno de quince concellos. CxG se presentará alí onde haxa persoas dispostas, pero cun mínimo de garantía de éxito.
-Iso, se non hai coalicións.
-Neste momento non se sabe, en política é todo moi cambiante. Nós non nos pechamos a falar con outras forzas políticas, pero CxG chegou para quedarse.