Viño con gaseosa

Xosé Rúas

FIRMAS

02 jun 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Uns socialistas rotos polas divisións internas e a falta dun líder de consenso que logre coser o partido, xuntando retallos pachistas e paquistas. Un BNG cada vez máis alonxado do seus socios de goberno e con destacados membros escindidos cara outras formacións galeguistas. Un PP cun portavoz que non se beneficia do desgaste socialista e nunha cidade que tampouco acepta candidatos tutelados polo baltarismo. Un contexto galego no que AGE pode converterse na única Alternativa Galega de Esquerda, por enriba do PSdeG e o BNG.

Síntomas no Estado dun bipartidismo abafante, aos ollos duns cidadáns que, cansados de perder o tempo en discusións sobre quen foron os que nos meteron na crise e quen os que seguirán sen sacarnos dela, optan por outras formacións, como IU e UPyD. Protestas de grupos antisistema ou, cando menos, alternativos ao status quo. Unha deriva xeralizada a política espectáculo, os candidatos outsiders e mesmo frikis. A pregunta resulta inevitable: Veremos en Ourense un Bepiño Grilo que sacuda as nosas conciencias ou un Leo Bassi con toques benposteños que dignifique o circo político que estamos a vivir?.

Os experimentos con gaseosa!, exclamará algún, coma Eugenio D´Ors, o filósofo catalán que pretendía brindar con champán cando o camareiro, amosando a súa escasa destreza, propiciou a anécdota desta frase. Máis ao marxe do cava e a política catalá, o certo é que Ourense xa amortizou algún camareiro coma Agustín, o Vega sen Sicilia, outros persoeiros coma Troitiño, e varias estreliñas fugaces do microcosmos televisivo local, algunha xa retirada e outra facendo votos para que a retiren do concello. Aínda así, poderíamos ter un terceiro, cuarto ou ata quinto representante e partido en discordia, como xa acontece nalgunha outra cidade galega, si consideramos, ademais, a entrada de AGE na escea galega, pendente de estenderse ao ámbito municipal, e o traballo, paseniño, paseniño, de Compromiso por Galicia, tanto a nivel local coma provincial.

Así que coas grandes marcas en declive e con tantos problemas que tivemos co Alión, os cubatas e o botellón, que ninguén se estrañe, mal que lle pese a D.O. (do Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, refírome), si parte do electorado desta provincia e cidade se decanta nas vindeiras municipais por unha mestura de viño do país con gaseosa, tan tradicional coma frecuente en moitas casas e familias, e que contribuiría, sen dúbida, a rebaixar tanta borracheira electoral de inútiles chamadas ao voto útil. Viño branco, viño tinto, Galicia sitio distinto. E Ourense, veremos.