«En Valga as cousas fanse para que funcionen, non para a galería»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

MONICA IRAGO

O Concello impulsa parte do polígono para acoller as auxiliares de Uro

05 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A semana pasada, Valga viuse sacudida por un suceso demasiado cruel, demasiado violento, demasiado sanguinario. A morte violenta dun veciño rompeu a tranquilidade dunha vila que intenta repoñerse. «Foi algo tremendo, moi forte, que deixa aos veciños preocupados».

-Entre este crime e o asalto a punta de pistola da cafetería da praia fluvial, non é de estrañar a preocupación... ¿Valga necesita máis vixiancia?

-É unha demanda que temos feito varias veces á Subdelegación do Goberno. Solicitabamos máis medios, porque os efectivos que ten a Garda Civil para vixiar son moi escasos. Estamos pendentes de ter unha reunión da mesa local de Seguridade.

-Onde teñen tamén outro problema serio é na N-550... ¿Hai algún avance para dotar de máis seguridade esa vía?

-Tivemos unha reunión en Madrid, con Fomento, para falar do proxecto que tiñamos plantexado e que consiste basicamente nunha senda peonil, alumeado e a colocación de semáforos en varios puntos -onde o Concello, onde o Cuartel e noutros lugares-. Quedaron en que ían mirar ata onde se podía chegar. Esta é unha obra que hai que levar a cabo, porque para nós é un punto negro: hai moitos accidentes, moitos feridos e demasiados mortos. A vida das persoas ten que ser unha prioridade.

-Son tempos de prioridades. ¿Son os anos moi duros?

-A nivel económico e de medios son os peores, sí. No 91 case había máis medios que hoxe. Agora, temos que devolver parte dos tributos do Estado, uns 11.000 euros cada mes que nos virían moi ben para outras cousas. E ao mesmo tempo hai que estar igual no día a día.

-O seu goberno parece obsesionado co emprego.

-Non sei se a palabra é obsesionado, pero moi preocupados estamos. Especialmente pola xente nova que non atopa o seu primeiro traballo. Uns están formados pero non atopan nada, e outros non teñen formación e dende aquí intentamos darlle uns mínimos. Desde aquí se está facendo un bo traballo nese tema, que é unha materia á que temos que adicarlle tempo todos os días. Iso de ver a familias enteiras sen ingresos é moi duro.

-Eliminaron a festa da anguía e destinaron o orzamento a axudas para contratar a valgueses. ¿Que tal funcionou?

-Non tan ben como esperabamos. Xa sabiamos que unha empresa non ía contratar a ninguén pola subvención. Pero se un empresario tiña que contratar a alguén, en igualdade de condicións, optaría polo de Valga pola subvención... Nesa disposición estamos. Para iso acabamos por abrir as axudas a calquera empresa de Galicia se contratan xente de Valga.

-O logo de Urovesa xa se ve na vella cheminea de Novo y Sierra. ¿Cando podería empezar a funcionar e a xerar actividade?

-É un orgullo que unha empresa desa categoría veña para aquí. Ilusiona. Foron negociacións moi longas, a moitas bandas, pero chegamos a bo fin. A empresa ten a súa propia plantilla, pero os postos que se vaian creando van ser para xente de Valga. E eses serían traballos directos, indirectos esperamos que se creen moitos máis porque estas empresas sempre xeran outras auxiliares ao seu redor. Por iso xa estamos traballando para reactivar en parte o tema do polígono. Valga hoxe non dispón de terreos onde ubicar empresas, e por iso lle pedimos á Xunta que urbanice catro ou cinco desas parcelas que estaban previstas. Tamén en Fomento pedimos que se mellore o acceso que hai agora na zona do futuro polígono, porque o acceso que estaba previsto no PXOM sería moi caro, e nós somos conscientes da situación actual. Queremos facelo canto antes. Eu confío velo neste mandato.

-¿Sería un gran desembolso? -Non. Xa digo que temos en conta os momentos que vivimos e nós aplicamos o sentido común. Non tería sentido facer unha inversión tremenda e despois que eses terreos estean a silvas. Pero en Valga hai unha realidade industrial, é unha necesidade.

-Unha realidade industrial moi vencellada á metalurxia...

-Si, e de feito cando se construíu o instituto e se foi aos módulos de FP, pensamos niso, por iso puxemos soldadura e estruturas metálicas. Eran ciclos que viñan ben antes para o aluminio e que agora veñen ben para Urovesa. En Valga as cousas fanse para que funcionen, para que dean resultados, non para a galería.

-Falemos de temas conflitivos: a recta de Campaña.

-A recta de Campaña, con respecto ao tema de indemnizacións, por suposto que ten conflito. Hai dúas partes distintas. Hai unha parte de xente á que se lle expropiou e chegaron a un mutuo acordo, e que tiñan que ter cobrado hai xa moito tempo. Os que foron ao xurado para a súa valoración... Aí ten máis explicación, aínda que segue a ser excesivo. Eu cada vez que estou con xente da consellería dígolles que é inxusto o que está ocorrendo con esta xente.

-¿Castelao Bragaña?

-Estamos pendentes de poñer data para ter unha reunión.

josé maría bello maneiro alcalde de valga (PP)

«A obra na N-550 é importante. A vida das persoas ten que ser unha prioridade»

«Non ten sentido facer inversións tremendas e que os polígonos estean a silvas»