Talión

La Voz

FIRMAS

Levo anos dando clase de Ética e aínda me custa conseguir que todos os alumnos rexeiten a lei do Talión. «Ollo por ollo e dente por dente» é unha norma que a algúns lles parece razoable. Intento neutralizala coa frase de Gandhi «Ollo por ollo e todo o mundo quedará cego», pero desprezan a ironía. Tampouco aceptan argumentos como que as sociedades civilizadas construíronse a partir da presunción de inocencia, a asistencia letrada aos detidos e os xuízos xustos, ou que as sociedades máis pacíficas seguen o precepto de Gandhi. Inocencia, reinserción, xustiza, son conceptos demasiado abstractos comparados coas imaxes de violadores, pedófilos ou asasinos en serie. Non entran con tanta facilidade na corrente neuronal dun adolescente.

A semana pasada conseguín por primeira vez que toda unha clase aceptase a tese ilustrada. Convencidos, dixen, de que nós ou os nosos seres queridos nunca seremos agresivos, identificámonos coas vítimas, nunca cos agresores. A lei do Talión funciona como un protector atávico da nosa inocencia conxénita. Craso erro. Ninguén é substancialmente inocente. Moitos dos grandes asasinos eran persoas correntes. Como Charles Whitman, un exemplar cidadán norteamericano que en 1966 matou a nai e a muller (Quéroa moitísimo, escribiu, e foi boa esposa, pero decidín asasinala e non sei por que) e despois, nunha praza, a 29 persoas máis. Levaba algún tempo notando unha descoñecida agresividade interior e cada día, como conta no seu diario, éralle máis difícil controlala. Díxollo a un médico que non lle deu importancia. Na nota de suicidio Whitman pide que lle fagan a autopsia, convencido de que se volvera agresivo porque algo lle cambiara no cerebro. A autopsia confirmouno. Tiña un tumor que comprimía unha rexión do cerebro chamada amígdala, responsable da aparición de reaccións violentas esaxeradas.

Pregunteille aos alumnos se consideraban a Whitman culpable e, se o era, se deberiamos aplicarlle a lei do Talión. Respondeume un silencio, espeso e unánime, que nunca vivira nunha clase. Un silencio, diría eu, potencialmente culpable.