O cine de Vidal Bolaño

X. M. R. ourense / la voz< / span>

FIRMAS

No disponible

O protagonista das Letras Galegas participou en rodaxes como «Sempre Xonxa» e «A lingua das bolboretas»

07 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A actividade cultural do ano ten en Roberto Vidal Bolaño (Santiago, 1949 - 2002) a un dos seus grandes referentes como protagonista do Día das Letras Galegas 2013. Ás citas xa celebradas engadirase nos vindeiros días a homenaxe e o recordo que se lle rendirá na Mostra de Teatro de Ribadavia. Mais, con todo, Roberto Vidal Bolaño tivo unha querencia polo cine e o audiovisual que mantivo viva durante toda a súa existencia, aínda que foran as súas facetas como dramaturgo, actor e director teatral as que o fixeron de sobra coñecido.

Vidal Bolaño quixo ser cineasta e o seu desexo viuse imposibilitado polo peche da escola de Madrid. Vencellado dende mozo aos cineclubes de Compostela, optou pola vía de ir adquirindo experiencia no eido cinematrográfico e participou do histórico equipo Lupa, cando a Euloxio Ruibal e Félix Casado, na etapa na que se iniciaba o camiño do cine cos equipos de Súper 8. Os traballos do colectivo Lupa amosáronse nas Xornadas de Cine de Ourense, celebradas nos anos 70, e aínda que Vidal Bolaño adicouse logo ao teatro mantivo sempre un contacto directo co sector audiovisual.

Dúas das rodaxes máis salientables do seu traballo para o cine están vencelladas con Ourense. En 1989 formou parte do equipo de actores que protagonizaron a película Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro. A cinta rodada en terras de Valdeorras marcou a historia do cine galego, e a traxectoria profesional do desaparecido director, e na mesma o actor representaba ao mestre da aldea. A amizade de Bolaño e Piñeiro fixo que o primeiro se implicase a fondo no proxecto. Outra rodaxe na que participou foi a da película A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda sobre textos de Manuel Rivas.

Entre os traballos do actor para o cine destacan a presenza en O resplandor da morte (Milagros Bará), Un café de ollos verdes e A noiva de medianoite (Antonio Simón) e Amor Serrano (Luís Liste).