¿Que pasa co río Gafos?

Gonzalo Sancho

FIRMAS

07 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Trece anos despois da fundación da asociación Vaipolorío e a pesar do labor de recuperación ambiental feito polos voluntarios en favor do río, o Gafos está peor que nunca. Se daquela tirábase ao río todo tipo de residuos, cousa xa corrixida, hoxe bota directamente augas fecais a rede de sumidoiros. Materiais abrasivos que matan toda especie que viva no río.

Segundo Augas de Galicia o problema é moi complexo e repoñer a canalización non resolvería a cuestión. Futuros estudos analizarán o problema en profundidade ata solucionalo, aseguran dende este organismo de Medioambiente.

A sentenza xudicial non ve culpables nin ao Concello de Pontevedra, nin a empresa Aquagest, concesionaria do mantemento da rede. Ante esta situación, Vaipolorío vese desesperada, non tanto por buscar culpables, senón por atopar solucións que eviten a contaminación do río Gafos. E estas non están na man dos voluntarios, senón nas da Administración. Isto non acontece exclusivamente nos municipios de Vilaboa e Pontevedra, por onde vén a rede de sumidoiros. Desgraciadamente estase a dar, de xeito crecente, en moitísimos máis puntos da comunidade galega.

Dende a asociación Vaipolorío queremos rexeitar a proceder Administrativo, nesta cuestión ambiental, e agradecer a concienciación e colaboración cidadá que ultimamente denuncian, cada vez máis, calquera atentado que se produza no río.