O compositor vigués tocará hoxe con Berrogüetto na praza de España
15 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Para Anxo Pintos a música sempre estivo preto. Fillo de músicos, o intérprete vigués chega hoxe a praza de España de Pontevedra cun currículum musical intachable. O seu aporte á música folk galega é un feito incontestable. Integrante de varias formacións musicais coma SonDeSeu ou Berrogüetto, trae a Pontevedra o seu talento.
-Tras case vinte anos en Berrogüetto, ¿que destacaría nese camiño de crecemento e evolución?
-Cando un empeza un proxecto nunca sabe o que vai dar de si. No caso de Berrogüetto, conseguimos que a nosa música chegara moito máis lonxe do que nun primeiro momento podiamos ter imaxinado. Síntome tremendamente afortunado e privilexiado. Manteño a gana de seguir creando e subindo aos escenarios e iso quere dicir que, dende o punto de vista humano, formo parte dun grupo con boa saúde e que conserva intacta boa parte das súas ilusións. Algo imprescindible para tirar cara adiante.
-¿Van a súa vida e o seu traballo da man?
-Si, realmente ningún dos que estamos en Berrogüetto poderiamos entender a nosa vida sen a música e sen a práctica profesional desta. Boa proba disto é que no grupo sempre se deixa espazo para que cada un poida expresarse individualmente noutro tipo de propostas. Esto último funciona a modo de vía de escape da pota a presión na que se podería converter o conxunto de ser a única opción para cada un de nós. Cando nos reunimos tras unha tempada noutros proxectos, cada un ben renovado e con novas influenzas. É moi positivo.
-¿Para cando un novo traballo do conxunto?
-Esperamos que para a seguinte tempada de concertos poidamos presumir del. Non sabemos exactamente cando estará finalizado o proceso pero na cabeza está xa o alento de porse a traballar para o seguinte disco. En canto acabe a xira de verán poñerémonos a pensar única e exclusivamente en compoñer o repertorio dese seguinte traballo discográfico. Con todo, non é probable que estea antes da primavera do próximo ano.
-¿Como definiría ao público galego en comparación co europeo?
-O público galego, e especialmente o público de folk, é un público culto e instruído. É unha audiencia á que non se lle pode dar gato por lebre. É esixente. Probablemente esa tremenda competencia que ten o público sexa, en boa medida, responsable do enorme elevamento que houbo na calidade das propostas e dos traballos lanzados ao mercado. Tanto solistas coma grupais. Creouse unha escea moi aberta que toma influencias de moitos estilos e baila na corda do funámbulo das etiquetas musicais. Tanto é asi, que o público folk pode acudir a un concerto de SonDeSeu, e ao día seguinte ir ao de Berrogüetto ou a de Treixadura, Manuel Budiño... Por citar algúns exemplos.
-¿Que sinte cando toca en Pontevedra?
-Coa Boa Vila teño un sentimento especial de apego e proximidade xa que o grupo recuncamos nela sempre que podemos. Nas festas da Peregrina tivemos a sorte de tocar xa fai uns. Lémbrome con cariño desa actuación. O concerto de hoxe imos afrontalo con enerxía. Faremos un espectáculo para unha noite de festa. Mostraremos o noso lado máis lúdico, festeiro e danzarín. A xente disfrutará e interactuará dunha forma activa. Estou convendido delo. Non quero un muro que separe o escenario, da explanada da praza.
Anxo Pintos Intérprete e compositor
TIEMPO DE VERANO
«Logramos que a nosa música chegara máis lonxe do que imaxinabamos»
«O público galego é un público culto e instruido. Non se lle pode dar gato por lebre»