Din que o castro pontecesán ofrece moita información sobre o pasado de Bergantiños
04 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O arqueólogo Xurxo Ayán Vila (Lugo, 1976) e o xornalista Manuel Gago Mariño (Palmeira-Ribeira, 1976) puxeron en marcha o luns o proxecto As Croas de Niñóns, que ten por obxectivo a recuperación e posta en valor do xacemento da parroquia pontecesá. Traballarán na zona durante todo este mes e aproveitarán tamén para recuperar a historia oral de toda esa zona. Os dous explicaron onte, en Voces de Bergantiños, de Radio Voz, os obxectivos do seu proxecto.
-¿Por que é tan importante o castro de Niñóns?
-[Xurxo Ayán] É un castro bastante descoñecido porque os intelectuais do século XIX fixáronse noutros, como foi o caso de Pondal, que se centrou no castro de Nemeño, que tamén está por alí cerca. Pero o Castro das Croas é importante porque se atopa nunha zona que apenas está estudada. Dende o castro de Borneiro, en Cabana, ata o de Elviña, en A Coruña, apenas hai información sobre ningún outro e o de Niñóns está nunha zona moi interesante, na fronteira entre dous pobos castrexos, o dos Nerios e dos Ártabros. É un castro que exemplifica moi ben como evolucionou a cultura castrexa antes da chegada dos romanos e explica moi ben por que os castros están situados onde están. Este, por exemplo, está vinculado a rutas comerciais, está controlando o mar, controlando a produción agraria e as fontes de mineral. Ten unha arquitectura realmente monumental, á altura do castro de Elviña. E pode ofrecer moitísima información sobre os devanceiros da terra de Bergantiños.
-Din que o seu proxecto é de arqueoloxía social. ¿Como é iso de achegar á xente aos xacementos?
-[Manuel Gago] Nós partimos da base de que a mellor forma de valorar e coidar o patrimonio é que a xente teña contacto con el. A sociedade debe participar nos procesos de construción do coñecemento e sentirse parte dos proxectos dende o primeiro momento. Por iso traballamos moitísimo escoitando á xente, que nos da claves fundamentais dos elementos que conforman o castro ou como funcionaba e como de xeración en xeración a xente foi cambiando os seus modos de relación con el. Neste proxecto tamén será moi importante a implicación dos escolares, porque cremos que a educación é fundamental. Tamén faremos unha xornada de limpeza a través de voluntariado. A xente ten moitas ganas de coñecer, experimentar e vivir o patrimonio e este tipo de xornadas funcionan moi ben. Por iso imos habilitar unha zona no castro para que todos os que queiran poidan participar na limpeza e coñecer o xacemento. Ademais faremos un traballo moi intenso nas redes sociais, nas que contamos día a día como vai avanzando a intervención.
-¿Que a acollida tivo o seu proxecto na parroquia?
-[X. A.] A verdade é que os propietarios e os veciños de Niñóns e Brantuas son os protagonistas de todo. E interésanos moito que todos eles nos conten as súas historias. Un dos propietarios, por exemplo, o señor Luis, que vai cumprir 80 anos, é un home que estivo en todo o mundo. Estivo embarcado e visitou Australia, Canadá e moitos países, e foi nun barco cargado con cabalos de carreiras, fala varios idiomas, e incluso estivo a punto de morrer no propio castro nun accidente de tractor. Todas as súas pequenas historias son o que queremos, porque este é un proxecto case antropolóxico. O castro vaise recuperar porque os veciños o coñecen perfectamente e saben diferenciar, por exemplo, o valado que fixo o seu avó das murallas do castro. Eles son os que nos están aprendendo a nós. Toda esta zona de Niñóns é un pequeno Macondo na Costa da Morte. Os veciños contan moito máis do que pode contar unha muralla castrexa, porque eles son coñecedores das pedras e das historias que hai detrás das pedras.
-¿Descubriron xa algunha lenda relacionada co castro?
-[X. A.] Acabamos de desembarcar en Niñóns e xa temos moitísimas historias, porque o interesante das Croas de Niñóns é que é o epicentro de toda unha paisaxe simbólica configurada por elementos do máis dispar. Por exemplo, hai un illote que lle chaman a Insua do Antón, no que se plantaban coles e durante a posguerra, e alí había unha ermida, probablemente do Alto Medievo, dedicada a Santa Mariña. A lenda di que cando se derrubou a capela á santa foi levada á igrexa parroquial, pero a santa volvía andando ao seu illote porque non quería estar na igrexa. O máis impresionante é que un paisano contounos que el atopou a cruz da capela, a levou na cabeza e a ten no cabazo da casa.
-[M. G.] Aos propios pés do castro está esa igrexa e en Niñóns afirman que alí, ao lado da igrexa, estaba antes a aldea. Aínda que hoxe non existe nada diso, son capaces de facer unha planimetría e dicir onde estaban as casas e quen vivía nelas, e hai moitas lendas de bandidos e bandoleiros.
-[X. A.] O máis interesante non é descubrir aos castrexos, senón comprobar que as pedras seguen hoxe a contar historias.
-¿Que relación tiñan ata o de agora os veciños co Castro das Croas?
-[M. G.] É curioso, porque fixemos un vídeo que colgamos no noso Facebook e na web de Croas de Niñóns no que lle pedimos á xente que presentase a parroquia e presentase o castro, e chama moito a atención que a xente considera o castro como a carta de presentación para o exterior. Están moi orgullosos del e o usan para ser coñecidos fóra. É moi curioso porque as murallas do castro, ademais de defensivas, tamén tiñan esa misión de presentarse aos demais e hoxe segue a ser case igual.
-¿Pode achegarse a xente a ver a evolución dos traballos de recuperación?
-[X. A.] Preferimos que a xente veña os días de voluntariado para poder atender a todo o mundo. Estamos deseñando unha ruta de visitas para que a xente que chegue ata alí coñeza tamén unha gran multitude de historias. As dúas primeiras semanas será moito traballo técnicos, pero a mediados de mes habilitaremos as datas de visita.