Ecos do Concilio de Trento en Pesqueiras

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

Un libro de Xosé Lois García analiza os murais da igrexa chantadina

05 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O conxunto de pinturas murais da igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras, a pesar de ser un dos máis notables e mellor conservados da Ribeira Sacra, non fora obxecto ata agora dun estudo monográfico. O escritor Xosé Lois García encheu este oco co seu recén publicado libro As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras, no cal analiza detidamente esta obra relacionándoa coas artes e as doutrinas relixiosas propias da sua época.

Unha parte do estudo está dedicado a estimar a antigüidade destas pinturas -de autor anónimo-, sobre as que non se conserva ningún documento escrito que permita datalas con certeza. García cre que o estilo pictórico e as vestimentas, xesticulacións e colocación dos personaxes indican que os murais «están dentro da temporalidade do último lustro de 1540 e de toda a década de 1550», ou sexa, entre última época do reinado de Carlos I e a primeira de Felipe II. A obra encadraríase así nos tempos da Contrarreforma e do Concilio de Trento, un período histórico no cal se agudizaron as hostilidades entre católicos e protestantes. O programa iconográfico deste conxunto -apunta o autor do estudo- é moi típico desa época, na que a Igrexa potenciou o uso das artes plásticas como arma de propaganda relixiosa e como «doutrina de blindaxe ante o protestantismo».

Deus cunha tiara papal

A este respecto, García considera especialmente significativa a figura de Deus Pai que que se encontra sobre a fiestra central do presbiterio, presidindo todo o conxunto. O personaxe está tocado cunha tiara formada por tres coroas superpostas -símbolo da Trindade-, idéntica á que levaban antigamente os papas, o que reforza visualmente a identificación entre o poder divino e a Igrexa católica. O escritor indica tamén que a vestimenta e a atitude da figura de Deus Pai recorda moito os retratos dos pontífices Paulo III, Xulio III, Paulo IV e Pío IV -promotores da Contrarreforma- que foron pintados por Tiziano e outros célebres artistas da época.

Por debaixo desta figura están pintadas as do arcanxo Gabriel e da Virxe María. Esta última, en actitude orante, está vestida de acordo coa moda propia da aristocracia e da burguesía dese período. O personaxe áchase nunha estancia que imita «unha arrogante e suntuosa cámara rexia» e na que pode verse un floreiro que contén dez lirios brancos. Estas flores -sinala García- simbolizan «a protección da maternidade virxinal» e aparecen con moita frecuencia nas representacións renacentistas da Anunciación.

Armaduras do século XVI

O muro oriental da cabeceira da igrexa está ocupado por unha representación da resurrección de Cristo na que están presentes as figuras de catro soldados vestidos con armaduras e traxes característicos do século XVI. Dous deles portan uns sombreiros de copa que, segundo apunta García, aparecen tamén noutras pinturas dese período, como os retratos de Felipe II e dos seus cortesáns realizados polo pintor Alonso Sánchez Coello. Un deles ten unha longa barba barba seccionada en dúas partes puntiagudos, típica dos cabaleiros da época.

En todas estas escenas, sinala por outra parte o escritor, o artista xogou amplamente coas cores branca e vermella, que simbolizan respectivamente a pureza e o sangue redentor.