Só sabía que tiña que erguerme ás oito. Eran as sete. Como cheguei a esta situación? Chego ao choio, ás sete e media, e agardo fóra. Cando chega, o xefe saúdame, mira a poza de cabichas que teño aos pés e torce un pouco o xesto. Sabe que non durmín. Pero dálle igual.
Só podo imaxinala bailando núa na miña cama, ao ritmo de Boys dos Beatles. Baixa os brazos coas palmas estendidas e move os xeonllos ao ritmo da canción: «Bop-shua, bop-bop-shua». Cando comeza Ask me why tíraseme enriba e bícame como nunca. Só podo imaxinalo.
O que realmente me molesta é saír sen panos de papel. Nunca sabes cando che van facer falta. Realmente valen para todo. Alerxia repentina? Cáeche a bebida? Tes que vomitar? Sen papel no baño? Unha moza chorando? Nunca saias sen panos de papel.
Cando me dou conta, atópome cantando, o bar medio cheo. Ela entre o público. Comezo, inseguro. Os dedos patinan nas cordas. O batería improvisado mírame estrañado e volve repetir a entrada. Achégome a el e dígolle «Meu, como eran os acordes?» El ri. «Mira, mellor tocamos I saw her standing there e pista». Volve rir. «Como queiras, tío». Volvo cara ao micro. Desculpo a interrupción e poño os dedos en posición. A púa quere fuxir de entre o polgar e o índice. Patino no cambio de Mi7 a La7, non me decato de que o acorde non está completo. A voz anda practicamente á súa bola. Comeza o refrán. Faise a maxia, dualízase o son, perfección rítmica coa batería. Totalmente ilusorio. Antes de que puidese reaccionar, rematou todo, volven soar as cancións normais do pub, unha merda. O último que pronuncio no micro é un «thank you» e devólvolle a guitarra ao seu dono. Por un momento é posible que ela estivese aplaudindo. Plausible, incluso. «Que, que che pareceu o bolo, meu?» «Buah, tocaches? É que estaba fóra fumando un porro».
Soa It?s only love. Estamos fronte a fronte. O fume enche o ambiente. Non podo apartar a vista dos ollos. Morde os beizos lentamente e a miña mirada percíbeo ao momento. Que pretende? Quita a camiseta. Baixo a mirada por un instante, para seguir cravado no iris ata que me afundo definitivamente nel, coma nunha lagoa color caoba.
Esperto coa roupa posta. Outro día máis perdido.
Que cal é a conclusión? Absolutamente ningunha. O único que extraio é que odio que me esperten no medio dun soño. Ou dun pesadelo. E ao final normalmente non hai ningunha epifanía, ningunha revelación. O señor Drogo estará de acordo comigo.
Lois Agrelo Arxóns
Ten 22 anos; estuda na
Universidade de Cork; colabora con
«Casa da Gramática»,
«Alameda», «NEIN», entre outras publicacións. theganjapapers.
blogspot.com.
Twitter: @jodidoavogado