«Péscase en función do óptimo coñecemento que teñas do río»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

Leva máis de vinte anos practicando ese deporte que lle aporta sosego

20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Coñece ao detalle todos os meandros dos ríos Deza e Arnego ao ter as costas máis de dous decenios de percorrido polos mesmos. Milagros Fernández Cortizo (Méixome-Lalín) forma parte dese pequeno puñado de mulleres que se adican á práctica da pesca; un deporte cunha ampla maioría de adeptos masculinos.

-¿En que momento comeza a prácticar este deporte?

-Comecei con vinteún anos aproximadamente, e xa pasaron máis de vinte. A miña afición débolla en gran medida ao finado Emilio Batán, de Xóvenes Agricultores de Lalín, que foi quen me puxo en contacto con este deporte. Era unha gran persoa e un gran pescador e, naquel tempo en que eramos compañeiros de traballo, convidoume a ir con el de pesca. Teño que decir que aquela primeira saída ao río, que creo que foi á zona de Taboada, non me enganchou para nada.

-¿Vamos que houbo que agardar que xermolara a afición anos máis tarde?

-Así foi. Emilio foi quen de poñerme en contacto co medio e empurrarme a ir ao río pero a afición pola pesca veu despois. E é realmente emocionante ir de pesca. O río apórtame paz e sosego. Alí esquéncense todos os problemas. Hai que vivilo e coñecelo xa que pescas en función do óptimo coñecemento que teñas do mesmo. De nada serve que alguén cho conte. Certo que hai xente que non lle aporta nada e non quere saber nada deste deporte pero eso existe en calquera actividade.

-¿Había unha tradición respecto da pesca no seo da súa familia?

-Meu irmán ía algo de pesca a un regato preto da casa familiar, pero moi pouco. O meu pai era cazador, pero pescador non, polo que sería máis fácil que me adicara á caza. Imaxínate se xa é difícil ser unha muller pescadora, pensa nunha con escopeta de caza...

-Que os comezos non serían fáciles, ¿non?

-Non. Pensa nunha muller vinte anos atrás no río... A maioría dos pescadores cos que me atopaba estaban pensando que mellor estaría na casa que alí. Por eso, para evitar dalgún xeito todos aqueles comentarios pouco positivos para coa miña persoa, tentaba evitar atoparme con eles. Foron tempos en que de verdade me sentía fóra de sitio. Posteriormente, segundo foron pasando os anos, xa fun collendo confianza. Sabes que non lle estás a facer mal a ninguén. Só practicas un deporte malia que sexa minoritario respecto da participación de mulleres. Lémbrome da primeira vez que fun a un sorteo de cotos de pesca, que son poucos para moita xente, e eu era a única muller que estaba alí. Algún pensou que ía de acompañante dalgún pescador e a súa sorpresa foi maiúscula ao comprobar que eu estaba incluída en dito sorteo e, por se eso fose pouco, me tocou un coto. Naquel momento, en medio de tantos homes e todos mirando para mín, quixen desaparecer. Foi a primeira vez, era nova... A partires daquela experiencia xa me daba igual que me miraran un pouco de reollo.

milagros fernández cortizo pescadora de Lalín

«A maioría dos pescadores pensaban que estaría moito mellor na casa»