A autora, profesora na USC, presenta hoxe o seu primeiro poemario na Casa da Cultura de Foz ás 20.30
25 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«O poemario de Teresa Moure é de por si un fito nas nosas letras, na medida que implica situar no barómetro do éxito de vendas un traballo que se antollaba tan difícil». Así falan dende a Asociación Cultural A Pomba do Arco de Eu violei ao lobo feroz, segundo na lista de vendas, que hoxe presenta a súa autora, Teresa Moure (Monforte, 1969) ás 20.30 na Casa da Cultura de Foz.
-Xa só o título, non semella ser un conto de «princesas».
-Pretendo escapar moito desa leitura. A idea de releitura doconto está presente, porque está Carapuza, o lobo, os cazadores. É a voz dunha presa independente afastada do seu mundo, que fai relato confesional; di que ela non é culpable nun contexto político determinado, e que se dirixe con frecuencia a un amante distante.
-¿Líanlle moitos contos de pequena na casa, por certo?
-Fun eu que procurei ler. Estiven enferma aos 7 anos, relativamente grave, e fíxenme unha lectora voraz. É frecuente nos escritores que apareza un episodio así que provoca a leitura.
-Dentro da crise cultural, ¿cal é a saúde da poesía hoxe?
-As letras galegas viven un momento de crise, a literatura en xeral, en parte polas vantaxes das pantallas. En concreto, penso que a poesía ten un futuro máis seguro que a novela. A poesía coa música ou videopoema é do máis prometedor.
-Ten unha morea de premios.
-Hai un momento en que os premios pesan. Realmente o que máis me gusta é o momento en que estou escribindo, cando son máis feliz, cando estou pegada ao ordenador, soa co texto.
-E hoxe, volve á Mariña.
-Gosto moito de ir. É fermosa.