«Os nenos pequenos son os lectores máis agradecidos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

Ven de rematar unha historia dos Bolechas en Barbanza

30 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Se hai un escritor galego coñecido polos máis pequenos da casa, ese é Pepe Carreiro. O vigués é o creador dunha colección coa que os nenos se inician no fantástico mundo da lectura, Os Bolechas. Por encargo da mancomunidade Arousa Norte, o ilustrador sitúa na última historia aos membros da divertida familia nas terras de Barbanza.

-¿Como se artillou a confección deste número dos Bolechas?

-O volume creado para Arousa Norte forma parte dunha colección de guías turísticas. O que se fai neste caso é que a aventura dos Bolechas descorra polos catro concellos da mancomunidade. De feito, arranca no dolmen de Axeitos e percorre a comarca polo interior ata Rianxo, para logo realizar a ruta á inversa, pero pola costa, ata chegar a Sálvora e ao faro de Corrubedo.

-¿Coñecía a comarca antes de embarcarse nesta aventura?

-Pois teño que dicir que só a coñecía de paso. Iso si, como en outros casos, tiven que documentarme a fondo para contar a historia. Sempre o fago, incluso cando realicei guías similares para Vigo, a miña terra natal.

-¿Que foi o que lle chamou a atención de Barbanza?

-Sobre todo, as praias, que son magníficas. Tamén me chamou a atención o Castelo da Lúa rianxeiro, un xacemento que non coñecía. Sentinme atraído sobre todo pola súa lenda.

-¿Cal é o obxectivo desta guía turística para nenos?

-Non se trata de machacar aos nenos con información sobre a historia dos distintos recursos, pois iso resultaríalles moi pesado. O que facemos é unha nova aventura dos Bolechas, que vai pasando polos lugares máis importantes da comarca, conseguindo, de xeito indirecto, amosar e ofrecer información sobre os recursos turísticos. Hai que ter en conta que son guías dirixidas a nenos que están iniciándose no eido da lectura. En outros casos, hai pais que me comentaron que tiveron que visitar lugares que aparecían nestes volumes por petición dos nenos.

-¿Teñen longa vida Os Bolechas?

-Si, pois son aínda moi pequenos. O maior ten sete aniños. Hai moitos proxectos relacionados coa familia, de feito, veñen de saír unhas xoias para nenos, que se unen ás marionetas, das que estamos facendo novas series. De momento, o proxecto dos Bolechas ten visos de seguir medrando.

-E os Barbanzóns, ¿ten en proxecto novos números?

-Publiquei catro número coa editorial Toxosoutos e, se ben é certo que houbo conversas para elaborar algún máis, de momento non hai nada seguro. Aínda así, a serie dos Barbanzóns segue aberta, pode haber números novos no futuro. O que ocorre é que a edición da banda deseñada é moi custosa.

-¿Non é moi complicado captar a atención de nenos que están empezando a ler?

-Para min non en exceso, pois levo moitos anos traballando nisto, tanto para primeiros lectores cos Bolechas, como para rapaces xa maiores. Os nenos pequenos son os lectores máis agradecidos que hai, así o percibo cando visito os colexios.

pepe carreiro debuxante