Ourense é a provincia galega con mellor resposta cidadá
02 dic 2013 . Actualizado a las 06:00 h.? Montserrat Souto Pereira, subdirectora de procesos de enfermaría da xerencia integrada de Ourense, coordina a campaña de vacinación antigripal.
-¿Como se está desenvolvendo?
-Este ano vai de marabilla; estase rexistrando todo moi ben e, ademais, fíxose moi escalonadamente, como ten que ser. As quendas dos profesionais de enfermaría adaptáronse antes do inicio da campaña para citar ós pacientes e as colas que había hai anos desapareceron. A xente vai gradualmente a vacinarse ó longo de toda a campaña.
-¿Creáronse vías especiais para as citacións?
-Hai tres formas de pedir cita para vacinarse. Pode ser vía internet, onde hai unha opción específica para a solicitude de vacina antigripal; pódese utilizar a central de chamadas, como para calquera outra cita, e tamén se pode pedir día e hora no propio centro de saúde. Hai unha cuarta opción que é moi habitual en persoas maiores; son vacinados sen que teñan que pedir cita porque o persoal de enfermaría aproveita que van a consulta por calquera outro motivo e ponlles a vacina. Normalmente son pacientes habituais, con patoloxías crónicas, que visitan os centros de saúde para controis periódicos e aprovéitase a vacinalos para que non teñan que facer un desprazamento a maiores.
-¿Haberá este ano ampliación do prazo para vacinarse?
-De momento non nos anunciaron nada, pero podería ser, o ano pasado foi así. Oficialmente, polo de agora o prazo finaliza o 20 de decembro; comezou o 21 de outubro.
-¿Xa hai diagnosticados casos de gripe?
-Este ano, polo momento, non. Segundo o informe de epidemioloxía da semana do 24 de novembro, o virus da gripe aínda non se illou en Galicia; polo momento, estamos sen casos de gripe. A previsión era que chegase cara á xaneiro e parece que se está cumprindo.
-¿Como están respondendo os ourensáns á campaña de vacinación?
-Ourense sempre ten os mellores datos de Galicia. Dos maiores de 65 anos xa vacinamos ó 88% do total do ano pasado. Eu non sei como funcionan noutros sitios, pero aquí a organización é moi boa, os profesionais están moi implicados e a vacina, arraigada; a xente ten moi interiorizado que chega certa data e hai que vacinarse. E os profesionais facilitan moito o tema, son eles mesmos os que están pedindo volver saír á rúa para vacinar ós cidadáns nos lugares máis próximos ós seus domicilios.