"Cantos na Maré respira sintonía con esta cidade"

MARÍA CONDE PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

Uxía destaca o espíritu de intercambio entre os artistas que participan no festival.
Uxía destaca o espíritu de intercambio entre os artistas que participan no festival. capotillo< / span> < / span>

Arrancan os ensaios para o concerto que unirá a Amancio Prada, Budiño, Vítor Ramil, Luiz Caracol e Gabriela Mendes

08 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Pontevedra xa prepara o primeiro gran acontecemento musical do ano. O festival Cantos na Maré reivindicará este sábado a poesía rosaliana nun concerto que unirá a Amancio Prada, Vítor Ramil, Gabriela Mendes, Xosé Manuel Budiño y Luiz Caracol. Hoxe arrancan os ensaios e, como sucede desde hai dez edicións, Uxía leva a dirección artística do festival.

-O ano pasado Cantos na Maré tirou cara o rock. Neste toca a poesía...

-Cantos na Maré é unha festa, unha celebración. E esta edición vai ser moi intimista, á luz da poesía de Rosalía e dalgúns dos grandes poetas lusófonos. Creo que é tempo de retomar un pouco a lírica. E facelo cunha figura como Amancio Prada, que descubriu o esplendor da nosa Rosalía, vai ser moi especial. Ademais, virá un mestre indiscutible en Brasil, Vítor Ramil, que visita por primeira vez a terra dos seus antepasados e vai facer algo especialísimo con dous poemas de Rosalía. Ven Budiño, que é un extraordinario buscador de novas experiencias musicais, que cae como anel ao dedo no festival. Logo, de Portugal Luiz Caracol, unha figura emerxente co seu primeiro disco en solitario, un artista moi mestizo e interesante, que andou xa moitos camiños e vai traer os seus ritmos e influenzas, o mesmo que Gabriela Mendes, que traerá toda a cadencia das músicas deste arquipiélago fascinante de Cabo Verde. Hai moito por descubrir. E non quero esquecerme do labor de Paulo Borges, o director musical que lidera a banda.

-O que non cambia é a fidelidade do público, que está a punto de esgotar as entradas...

-Estamos felices, porque é un reto cada ano encher o Pazo en xaneiro. Sabemos que existe ese público fiel que asiste á cita case a cegas e agradecemos esa confianza, porque se produce unha maxia especial. Cando soan os acordes de Cantos na Maré, o noso himno desde o primeiro ano, a min me arrepía porque se ve o cariño que a xente lle ten ao festival.

-Na presentación, definiu o festival como «un encontro de xeografía humana».

-Díxoo Chico César na anterior edición. Hai unha convivencia previa nos ensaios que fai que se establezca moita complicidade no concerto e creo que se capta. A xente que ven descubre con alegría que aquí naceu a súa lingua e recoñecen a nosa terra como parte deses territorios da lusofonía. É un traballo arduo e duro durante esta semana, pero de moitas alegrías.

-Este ano, é mais que un festival, con actividades paralelas.

-Si, creo que van dar moita vida ao festival. Cantos na Maré dificilmente se pode concebir nunha cidade que non sexa Pontevedra, respira en sintonía con ela. Esta é unha cidade moi cómoda e ten esa cousa do familiar. E a xente vai poder coñecer aos protagonistas de Cantos na Maré noutros espazos emblemáticos da cidade, con encontros, charlas e demostracións didácticas. Esta é a cidade das pontes e pontes é o que necesitamos neste festival, as que se creen entre os países da lusofonía. Agradecemos tamén ao Concello a súa aposta ano a ano.

-O ano pasado falaban de exportar o festival. ¿Mantéñeno?

-Estamos traballando, non é fácil pero non é imposible. Temos interese por parte dalgún dos países e creo que este ano vai ser clave para avanzar no 2015 nesa posibilidade. Somos unha potencia en clave musical e creo que o mundo debería escoitar aos nosos artistas e a riqueza das nosas músicas.

UXÍA caNTANTE r DIRECTORA ARTÍSTICA DE CANTOS NA MARÉ

«As actividades paralelas deste ano vanlle dar moita vida ao festival»