Desde o principio vin que Cantos tiña que ter un futuro

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

CAPOTILLO

O gaiteiro xa amosou a súa ilusión por participar neste festival, no que nunha ocasión colaborara nun tema con Mercedes Peón

11 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Na presentación de Cantos na Maré, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño xa amosou a súa ilusión por participar neste festival, no que nunha ocasión colaborara nun tema con Mercedes Peón. O moañés interpretará algúns temas do seu último disco, Sotaque (Acento), no que inclúe un poema de Celso Emilio Ferreiro interpretado por Luis Tosar. Para Budiño, esta experiencia está sendo «como me imaxinaba». «A xente só ve o tempo do espectáculo e non pode imaxinar todas as horas que pasamos xuntos e todo o que vai xurdindo cando nos estamos coñecendo nos días previos ao espectáculo, por iso para min está sendo gratificante», sinala.

-¿Vai atreverse a cantar, como insinou na presentación?

-Non sabemos, ¡Iso vai ser sorpresa!

-E non virá Luis Tosar a cantar o poema de Celso Emilio Ferreiro...

-Ah, iso si que nos gustaría, pero non está.

-«Sotaque», o seu último traballo, significa acento en portugués. Moi apropiado para este festival de acentos.

-Sen dúbida. Coñecín Cantos na Maré desde o primeiro festival na praza da Ferrería e desde ese momento vin que isto tiña que ter un futuro, con tantos países cunha lingua común. Hai un ano e medio nun festival en Colombia nos atopamos cun grupo de Mozambique e estivemos no hotel falando en galego. A xente non daba crédito como alguén desde España podía falar con alguén de Mozambique. Realmente cando empezas a viaxar é cando te decatas da importancia que ten esta posibilidade de poder comunicarte con millóns de persoas. E si que é un festival de acentos, por suposto.

-O mercado lusófono ¿É o mercado natural galego?

-Si, e Uxía o tivo moi claro cando ela fai o esbozo de Cantos na Maré. Ela adora a música de Portugal, a música de Brasil, ten moitos amigos de todos estes países e o foi demostrando traendo ao festival a toda esta xente. E por suposto que nos abriu o abanico a moitos músicos para poder coñecer músicos que viñan ao festival e poder ter contactos para traballar con eles; nós nos seus discos, e eles nos nosos. E é evidente que hai un campo de batalla moi importante neses países para poder comercializar a nosa música e facer concertos e xiras.

«¿Cantar na actuación no festival? Non sabemos, ¡Iso vai ser sorpresa!»