«Pode soar místico, pero dirixir é un traballo como outro calquera»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

Percorre Europa coa batuta e difunde en Galicia a música contemporánea

02 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Leva media vida percorrendo Europa, primeiro en misión formativa, pois deixou o seu Escarabote natal na procura de mestres que lle axudaran a cumprir o seu soño, e, desde hai xa varios anos, pisando, batuta en man, os mellores escenarios. Pero Diego García Rodríguez non se sinte un emigrante, pois confesa que esta é a vida que el elixiu e a que realmente o enche. Traballo non lle falta en Galicia, a donde regresa con frecuencia para dirixir a Real Filharmonía ou a Orquestra Sinfónica, e tamén para atender as citas do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), un grupo que puxo en marcha hai tres anos e que ten xa a vitrina chea de galardóns. Despois de vivir unha longa tempada en Londres, o músico boirense está agora establecido en Polonia.

-¿Que o levou a fixar en Polonia a súa residencia?

-Vin a traballar hai un tempo, convidado para a estrea da ópera Carmen, de Bizet. Pouco a pouco foron xurdindo máis cousas e decidín quedarme.

-Previamente vivira en Londres, ¿non lle ten medo á climatoloxía adversa?

-Eu sempre digo o mesmo, en Londres fai practicamente o mesmo tempo que en Galicia, chove igual. Polonia si que é un clima máis duro, pero aquí as casa están preparadas para o frío.

-Acode regularmente a dirixir a Francia e a Inglaterra, e incluso o facía antes de levar a batuta das grandes orquestras galegas, ¿sentiuse algunha vez máis valorado fóra que na súa terra?

-Non especialmente. Eu fun o que marchei a estudar fóra en canto rematei a carreira de piano para ampliar coñecementos e aprender outros xeitos de facer música. Interesábame especialmente Centroeuropa, coñecer outras linguas, outras mentalidades. Fixen contactos no exterior e abríuseme así o campo de traballo.

-Pero, ¿custoulle abrirse camiño en Galicia?

-Eu non o vexo así. Para que che contraten tes que demostrar o que vales, outra cousa é que che brinden oportunidades ou non, que haxa confianza. En Galicia empecei a traballar a partir do TAC, a xente veu de preto e en directo o meu traballo. Penso que o importante é o que fas e como o fas.

-Se tivera que elixir un dos múltiples traballos que aparecen no seu currículo, ¿con cal se quedaría?

-Hai moitos momentos importantes. De algo que estou bastante orgulloso é de ter dirixido Carmen de Bizet en Polonia. A ópera é o que máis me gusta neste mundo. Tamén estou moi satisfeito de ter traballado no Teatro Real de Madrid.

-¿Poucos retos lle quedarán entón por cumprir a nivel musical?

-O meu reto é poder vivir do traballo, levar a vida que me apeteza. Estar agora en Polonia pero, cando teña que facelo, cambiar de residencia. Pode soar moi místico, pero ser director de orquestra é un traballo coma outro calquera. Iso si, é unha profesión marabillosa, pois estás en contacto con moita xente e aprendes un montón.

-¿Non supuxo un cambio nesa traxectoria profesional a posta en marcha do TAC?

-Non, porque é un ensamble de música contemporánea e eu sempre traballei este eido por Europa. É un repertorio que me gusta, me interesa e penso que paga a pena defendelo. É un reto polo rexeitamento que, a priori, pode espertar a música contemporánea; pero en Galicia vin a oportunidade de defender este repertorio. O que queremos é achegar a música contemporánea ao público e para iso temos que ir nós cara a xente. Non podemos pretender encher un auditorio, por iso decidimos colaborar con outras iniciativas, por exemplo, un grupo de cociñeiros. É importante fidelizar, ir a polo público, aunar forzas e ofrecer algo distinto.

-Algo distinto foi, por exemplo, cando tocou ao longo de 18 horas nun piano instalado no faro de Fisterra...

-A idea pode soar a tarado mental, pode parecer unha excentricidade, pero convertemos un concerto nun acontecemento social, implicamos a moitos sectores da música e logramos un rotundo éxito.

-¿Ten en mente nestes intres algunha loucura semellante?

-Teño moitas loucuras. Sempre pensei que hai que ser positivo, do si; que hai que buscar o xeito de querer facelo. Non sei cal vai ser a próxima que imos montar desde o Taller Atlántico Contemporáneo. De momento, estamos centrados no que é realmente a actividade prioritaria deste grupo, que son os concertos no Auditorio Nacional de Madrid, en Granada ou en Cuenca.