«O acordeón é moi versátil, está presente na nosa vida»

ana f. cuba AS PONTES / LA VOZ

FIRMAS

CÉSAR TOIMIL

O músico pontés, que sente Cedeira como a súa «segunda vila», presenta o seu primeiro disco en solitario, «Crossing»

19 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Andrés Penabad (As Pontes, 1985) empezou con clases de guitarra no conservatorio pontés. Ata que súa nai se decidiu a aprender acordeón -«eu dicíalle ?pero se iso é de vellos?»-, mercou un instrumento e un día atopouno tocando. «Leváronme medio enganado ás clases de Javier Díaz, en Cedeira, entrei odiando o acordeón e saín dicindo que quería deixar a guitarra», conta. Aquela paixón reflíctese hoxe no seu primeiro disco en solitario, Crossing, que autoproducíu logo de colaborar dez anos co grupo Muxarega. O sábado presentouno en As Pontes e o 22, ás 21 horas, en Cedeira.

-Aprendeu en Cedeira...

-Primeiro Javier Díaz daba clase en As Pontes, logo en Cedeira [sempre digo que é a miña segunda vila, e puxéronme de secretario da Asociación de Acordeóns de Cedeira] e despois estudiei no conservatorio de Getafe, voltei a As Pontes e hai tres anos montei a escola de acordeóns [que leva o seu nome, coa axuda da Asociación de Veciños As Campeiras]. Agora dou clases e toco o acordeón.

-E chegou o primeiro disco.

-Era un proxecto que tiña aí... na vida hai etapas, a miña en Muxarega conclueu e había que dar un paso, agora ou nunca.

-Cuns colaboradores de luxo.

-Aparte de Muxarega, que é a miña banda habitual, colaboran Kepa Junkera, Pablo Díaz, Xabi Aburruzaga, Bieito Romero (Luar na Lubre), Davide Salvado, Edelmiro Fernández, Valentín García, Pedro Fariñas, Ramón Dopico (percusionista de Os Cempés) e Óscar Fernández (tamén de Os Cempés)... É un luxo montar o primeiro disco con xente deste calibre, desde o primeiro momento tiven o seu apoio. Son músicos cos que compartín escenario ao longo de todos estes anos que levo tocando, e son grandes amigos.

-¿Que propón en «Crossing»?

-É música de autor, temas de Fernando Barroso e meus, un de Edelmiro Fernández e o resto, temas tradicionais. O maior logro do disco creo que é darlle unha coherencia a pesares da variedade, porque todos fan distintos tipos de folk.

-¿Que o atrapou do acordeón?

-A súa versatilidade. Vas a unha discoteca e moitas cancións teñen acordeón, as orquestras... está presente nas nosas vidas e está moi infravalorado. En Cedeira hai moitos nenos que o tocan pero na miña escola o 90 % dos alumnos [encantadores, que colaboraron moito cando gravei o disco, xuntando clases] pasan dos 30 anos.

andrés penabad acordeonista