Un sonense en Zaragoza

PASTOR RODRÍGUEZ

FIRMAS

Nacido en 1924, a súa emigración a Aragón non significa o esquecemento das súas raíces

28 mar 2014 . Actualizado a las 11:27 h.

Nacido en 1924, a súa emigración a Aragón non significa, neste narrador e poeta popular, o esquecemento das súas raíces, que levou sempre no corazón e que foron alimento espiritual lonxe de eidos nativos. Colaborador do Centro Galego de Zaragoza, onde dirixiu a área de cultura, dende esta institución contribúe ao coñecemento de Galicia noutros lugares.

A terra natal foi o seu edén, o paraíso da infancia, a patria verdadeira. Antón Castro, ao definilo, salientaba «a súa saudade esencial, o seu estar pensando sempre noutra cousa, noutro lugar, Galicia, o mar do Son, as gaivotas ao mencer nos soles e fríos de Aragón sempre presentes, un náufrago lonxe do Son». Coa obra Eidos das xentes e do mar Ventura Amar comezou a súa andaina, hoxe ao pairo, a colección Castro de Baroña do Concello de Porto do Son en 2006; o autor falecera xa en 2000, e nel atópanse, ademais dun limiar e un prólogo, doce contos e cinco poemas sempre en lembranza da Galicia deixada lonxe, ese país ao que «só as soidades / me levan a ti / para nese intre vivir». Acertada homenaxe a de recoller nun libriño a obra galega deste escritor popular que levou sempre a súa terra na lembranza.