Os Maios son unha festa popular de orixe incerta. Por unha banda, relaciónanse co calendario anual e coa produción agropecuaria a través da importancia da chegada da primavera. Por outra, coa festa relixiosa que conmemoraba o achado da verdadeira cruz por santa Elena.
A festa, ao igual que os seus elementos, os Maios e as coplas, infórmanos sobre un modelo de realidade que muda co tempo. As recollidas etnográficas de Vicente Risco, Xaquín Lorenzo, Xosé Antón Fidalgo e Antonio Tarrío permítennos saber ata que punto se produciu esa mudanza.
A comezos do século XX a regulamentación da festa acrecentou o espectáculo. E os concursos, ao tempo que puideron ser determinantes para a continuidade da festa, tamén facilitarían que os Maios, como esculturas vexetais efémeras, foran mudando as súas formas; e así, das enxebres formas cónica ou piramidal apareceron outros Maios denominados artísticos ou de fantasía.
No século XXI continuamos montando os materiais vexetais e re-creando formas antigas ou creando escenas contemporáneas; ambas poden incluír símbolos que se relacionan co natural, co social ou co sobrenatural.
As coplas e as representacións na súa exposición nos concursos son unha forma institucionalizada na que expresamos o que habitualmente non se nos permite. Así, a crítica e sátira das coplas represéntase ante o público case como un ritual de rebelión, no sentido de ser accións estandarizadas e socialmente sancionadas que nos permiten inverter o noso comportamento ordinario, abrindo unha canle á crítica social en público.
As festas comunican unha determinada forma de ordenar a realidade a partir de valores sociais. A repetición da posta en escena -espectacularización - destes valores de forma non explícita é outra forma de contribuír á súa permanencia.