Carregal, en Corrubedo

ISABEL SANTOS

FIRMAS

30 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O carrizo ou cana silvestre (do latín *carricale < carex) parece ser a orixe de numerosos fitónimos como Carracedo, Carrizal, Carragueiros, Carragal, etcétera. Pero hai quen opina que, en territorio galaico, a partícula «Carr» é prerromana e está ligada ao significado «pedra, duro». Dita partícula, enormemente produtiva e difusa, estaría presente en Carrucedo (Zamora), Carnac (Bretaña) e en Carral e Carril.

Sexa como for, o noso Parque Natural de Corrubedo, loitador secular contra os terreos sementados de millo e os prados, foi obxecto dunha misiva de enorme interese histórico aló polo 28 de setembro de 1872. Daquela reinaba Amadeo de Saboia, soberano tan fugaz como menosprezado; e o alcalde de Ribeira, Víctor Sieira, dirixe unha carta autógrafa ao gobernador civil na que fai mención de «Carragal del Salmón» aludindo á lagoa de Carregal. No documento, hoxe nas mans de A. Piñeiro, figura o nome «Cardagal»: «acumulación de tierra y otras sustancias en el fondo de los ríos» (vid. DRAE).