Di Serafín que no espazo verde das Cancelas hai máis farois que árbores
02 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Serafín González é case máis compostelán que ourensán. E iso que viña por dous anos, pero ao final quedou 26. Desde sempre quixo ser biólogo. Ou iso, ou químico. «Sempre me gustou moitísimo a bioloxía, e máis que a nivel celular ou bioquímico, o que me gustaba sobre todo eran os animais, e en concreto os vertebrados». Así que como sempre foi un bo estudante, comezou a facer Ciencias Biolóxicas en Ourense e rematou os dous últimos cursos en Santiago, que era o único lugar onde se podía rematar. Chegou así, con 21 anos, a unha cidade que so abandonaría para estar 4 anos en Ourense cando rematou a tese, e un máis en Francia.
Da facultade recorda naquel tempo «algúns profesores moi bos, poucos, e os demais normais». No seu caso, foi o xa falecido Modesto Carballas quen o animou a facer a tesiña no CSIC, sobre o valor fertilizante do purín de vacún. Na tese cambiou a súa liña de investigación cara aos ciclos do nitróxeno en solos. «O nitróxeno é moi importante -di- é o elemento que normalmente limita o crecemento dos seres vinos na meirande parte dos ecosistemas». Non hai que negar por tanto que a Serafín a conciencia medioambiental venlle de lonxe. O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural desde hai 18 anos entrou neste colectivo no 1980, cando se creou a sede de Ourense. Aínda que nos oitenta pode parecer que o ecoloxismo aínda era minoritario, sempre se sentiron respectados. «Tiñamos e mantemos unha credibilidade polo rigor co que falamos o co que facemos as cousas».
Compostela non é mala cidade para Serafín. Ten espazos verdes e a cidade medrou nos 80 e nos 90 incluíndo novas zonas axardinadas. Destaca por exemplo a recuperación de Bonaval, a de Belvís, «un parque fermoso e ben integrado», ou o parque do Restollal. Tamén se fixeron cousas mal, «por exemplo, a zona axardinada das Cancelas. Hai máis farois que árbores, farois mal deseñados e que provocan contaminación lumínica». Ten Serafín outra queixa na que non lle falta razón. «Estamos a vivir un retroceso no trato ás árbores en Santiago. A cafetería da Alameda custounos aos composteláns un carballo centenario, que caeu por culpa desta construción. E ademais esta cafetería secuestrou no interior tres carballos que son de todos os composteláns».
O medio ambiente, iso que tan ben soa, non foi ben tratado polos políticos nin en épocas de bonanza nin na crise. E o certo é que das verbas de Serafín se desprende que case peor nos bos anos económicos, porque se aproveitou para facer as cousas mal. «O problema era que moitas veces usaban os cartos para destruír o medio ambiente, empregábanse para facer barbaridades. Por exemplo, dous portos exteriores, ou paseos marítimos e fluviais por todas partes, de aí que cada vez que suba o mar os estrague, porque o mar acaba reclamando o seu sitio, o mesmo que os ríos máis tarde ou máis cedo».
Certo é que coa recesión calquera escusa é boa para facer cousas en contra do medio ambiente «alegando que estamos en crise». Aínda así, Serafín admite que Santiago é unha boa cidade para vivir e para pasear, de dimensión humana, e na que non hai escusa para camiñar ou para coller o transporte público en todo caso. «Hainas con peor clima, iso non é unha desculpa».
Compostelanos en su rincón Serafín González Prieto
Serafín González Prieto
52 anos