Hai contedores que van e veñen como os das mercadorías, eses que viaxan de porto a porto, que agora incluso se empregan logo de tanto traxín para facer casas chulas. A característica común de todos os contedores é que teñen que ter contido. Detéctase a necesidade de amosar ou comunicar un contido e creamos un contedor. Ás veces incluso sen contidos xeramos contedores, porque segurísimo que algo imos meter dentro, sobre todo en tempos de vacas gordas.
Os contedores de contidos culturais son dos máis difíciles de catalogar, se cadra porque realmente non hai a necesidade cultural de enchelo con programacións, exposicións ou mesmo de persoas, que sen máis queiran ser participes da cultura. Ademais son case sempre un gasto. O asunto é que xa desde os romanos nos inculcaron necesidades inmateriais, que teñen que ver un pouco co entretemento, a socialización, a comunicación pública, a participación, alén do mitin político. De aí que acudamos como posesos a contedores como auditorios, que os temos por doquier.
E claro, para satisfacer estas necesidade, hai auditorios montados en medio de leiras, outros chantados en primeira liña e outros dos chamado efecto Guggenheim, que moito mal fixo nos últimos tempos. ¿Alguén se pode imaxinar unha vila ou un concello que non teña ou demande un auditorio?. Total, son gratis, mantéñense sós, e as programacións, ¡malo será que non veña una banco e mande a provincias contidos refretidos doutros contedores televisivos!
Ás veces esta previsión falla, e o contedor fica sen contidos, alén da reunión de pais e avós que imos para celebrar o bolo do fin de curso da criatura. Como case todo no últimos tempos a solución para enchelos estea preto, na base, nas persoas, asociacións, nos locais de ensaio, na tradicional teatral da vila, na xestión eficiente, na profesionalización e especialización de persoas. E modelos hai moitos ao noso redor, só hai que erguer a cachola e fixarse na repudiada Narón e como ven traballando en materia de artes escénicas. Ou vilas máis pequenas que cun pouco de criterio, fan que a cultura non supoña un gasto senón unha inversión, e os froitos colleita a colleita van in crescendo.
Cun pouquiño de xeito e unha boa dose de sentido común ao meu xeito ver son os mellores condimentos para aderezar un contedor.