«Foi moi curioso verme convertido nun boneco de látex no Apóstolo»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

FIRMAS

A película galardoada proxéctase hoxe na Praza Maior de Viveiro

05 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante que se inaugurou en Carballo divulgando filmes vencellados a Galicia en dez municipios chega hoxe a Viveiro onde ás 22.30 na Praza Maior (no Teatro Pastor Díaz en caso de mal tempo) se proxectará en versión orixinal a película de stop-motion O Apóstolo, de Fernando Cortizo. Nesta ocasión estará Carlos Blanco, que da a súa voz a Ramón, o protagonista da cinta.

-Vino hai pouco no Festival de Ortigueira. ¿Como se lle presenta o verán a nivel de actuacións?

-A verdade é que reducín drasticamente a axenda, a unhas 30 actuacións dixen non sistematicamente porque precisaba descansar a cabeza. E ben que o sentín porque me chamaron a lugares aos que vou habitualmente pero este ano vou tomar un tempo de descanso. Sen embargo a proposta da Academia de Cine para vir con O Apóstolo si a aceptei.

-Tíñao claro, logo.

-Por presentar O Apóstolo apetéceme. Por certo, gañou un premio máis, á mellor longametraxe en Animamundi en Brasil. Acaba de chegarme a noticia de Fernando, o director. El estaba feliz. Levamos xa varios festivais gañados, dos importantes do mundo: Animpact (Corea, Xapón e China), WFAF (Bulgaria), Night of fear (Berlín), Festival de Monterrey (México), entre outros.

-Grazas a todos eses premios se difunde esta película, pero... ¿ocorre que se valora máis fóra?

-Polo menos pica a curiosidade, sae nos medios, dálle divulgación. O de triunfar máis fóra nos pasa con todo, non só co cine, sabemos o que temos pero estamos acostumados a el. Ten máis que ver coa autoestima.

-¿Que lle aportou O Apóstolo dentro da súa experiencia profesional como actor?

-Deume tantas satisfaccións e viaxei tanto coa película... O Apóstolo abriu moitas portas, foi a primeira película de animación admitida a concurso no festival de Moscú... Foi unha satisfacción a nivel persoal e iso que a producción foi complexísima. Aquí non pos só a voz, pos todo, o corpo... Primeiro foi grabar e filmar cos actores reais unha semana en Boiro nunha casa de turismo rural con luz natural, unha rodaxe moi sinxela. O meu boneco se rasca como o fago eu. Paréceme moi interesante, moi bonito. É moi curioso verte convertido nun boneco de látex. A rodaxe era como a ONU, había americanos, canadienses, animadores de Tim Burton... e galegos que a partir de O Apóstolo agora traballan en Estados Unidos. Unha producción coma esta igual se tarda unha década en facela. Oxalá me equivoque. O feito de que

aceptase Philip Glass facer a banda sonora foi por algo.